O Arosa desaproveita varias ocasións de gol e cae ante o Estradense na Lomba (0-2)

O Salnés
08 de setembro 2019

O colexiado do partido viuse obrigado a deter o tempo durante varios minutos por mor das altas temperaturas no terreno de xogo 

Partido de liga entre o Arosa e o Estradense na Lomba

O Arosa continúa coa competición e este domingo recibiu na Lomba ao Estradense, que chegaba a VIlagarcía despois de gañar, por un 1-0, ao Paiosaco. Pola súa banda, o Arosa non conseguiu nesta ocasión sumar a súa segunda vitoria da tempada ao encaixar dous goles na segunda parte.

O colexiado viuse obrigado a parar o encontro durante uns minutos por mor das altas temperaturas.

O choque comezou bastante igualado. Con todo, a pesar de que chegaron ao descanso sen goles por parte de ambas as escuadras, puido apreciarse certo dominio local, que, aos quince minutos do inicio xa dispuxera de tres ocasións de gol. Desaproveitadas. O Arosa non pasou apuros atrás, pero, a falta de efectividade na procura da portería pasoulle factura nada máis volveu poñerse o tempo o marcha tras o paso polos vestiarios.

Un minuto escaso tardaron os do Estradense en adiantarse no marcador. Volveron máis fortes e centrados ao campo, sendo Borja Míguez o responsable do 0-1 (46'). Con todo, reaccionaron os de Rafa Sáez, que, a partir dese momento pelexaron polo empate. Tras varias ocasións clarísimas, dúas delas chegando a mans de Diego Álvarez ' Coke', parecía que o gol local non tardaría en chegar.

Pero un penalti pitado a favor dos visitantes terminou de sentenciar aos arousáns. A falta de pouco máis dun cuarto de hora para o final, o marcador xa mostraba o 0-2. E nada puideron facer para reducir distancias e, aínda menos, por conseguir a repartición de puntos.

Tócalle agora ao Arosa continuar traballando para conseguir un mellor resultado a próxima semana, cando se midan, no Poblado, ante As Pontes.

Consulta a acta do Arosa-Estradense.