O Arosa inicia a pretemporada. O equipo de Luisito iniciou este martes os adestramentos no campo da Lomba con once caras novas, seis xuvenís e o groso do equipo que caeu o pasado ano a Terceira RFEF coa vista posta en loitar por recuperar a categoría perdida.
Os primeiros minutos da sesión serviron como presentación das once novas incorporacións para o primeiro equipo, que son os exgranates Iñaki Martínez e Santi Figueroa, así como Mario Dominguez, Javi Sandá, Borja Míguez, Hugo Barcia, Brais Pedreira, Brais Vidal, Martín Sánchez e a volta á que foi a súa casa de Carlos Pacheco e Sylla.
"O míster díxonos o que quere de nós esta tempada, que é o mesmo que o ano pasado: ser nós mesmos, dalo todo nos adestramentos e que en cada xornada que chegue vai necesitar de todos porque seremos un plantel curto pero no que todos imos ser moi útiles", declarou Julio Rey, un dos capitáns do primeiro equipo, ao termo da primeira sesión.
Foi unha primeira toma de contacto "corta pero intensa" na que "vin ao equipo moi ben e na que os novos se adaptaron bastante ben". O Arosa ten previsto continuar co traballo de pretemporada en dobre sesión de traballo ao longo desta semana no campo de Bamio.
Entre os xuvenís que estarán este verán ás ordes de Luisito atópanse o porteiro David Conde, os centrais Dani Sánchez e Nico Casalderrey, o centrocampista Migui Fernández e o dianteiro Fer. Tamén está convocado o lateral dereito Sergio Prieto que se perdeu as primeiras sesións por lesión.
"A porta está aberta, agora eles teñen que tumbala de todo porque teño moi claro que se algún destes xuvenís merece xogar non primeiro equipo, vai a xogar", dixo o preparador santiagués para animar aos mozos para traballar duro durante a pretemporada.