O Arosa, a pola segunda vitoria consecutiva ante un Salamanca en problemas

O Salnés
19 de novembro 2021

O cadro arlequinado, reforzado tras o seu triunfo en Asturias, recibe este domingo (17.00 horas, A Lomba) a un dos equipos chamado a pelexar polos postos altos pero que se relaciona polo momento na zona baixa tras encadear cinco xornadas sen vencer

Primeiro adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF Cristina Saiz

Reforzado tras o seu triunfo en Asturias, o Arosa quere coller impulso na táboa coa que sería a súa segunda vitoria consecutiva, aínda que para iso deberá superar este domingo na Lomba (17.00 horas) a un dos equipos de maior nome da competición, o Salamanca CF UDS.

O cadro salmantino chega á cita en horas baixas, pelexando na zona media-baixa con 13 puntos polos 14 dos arlequinados e tras cinco xornadas sen gañar, pero para Jorge Otero "é un equipo feito para estar arriba".

O técnico arosista cre que "a clasificación indica que aínda non é o equipo que posiblemente vai ser", pero "ten uns xogadores extraordinarios e ten unha cousa boa, recibe poucos goles".

De feito con 6 tantos en contra en 11 xornadas é o equipo menos goleado do grupo, pero tamén o menos goleador, con só tres goles a favor. "Sobre todo non podemos equivocarnos, porque é un equipo que os goles que fai sácalles un rendemento tremendo", analiza Otero centrado tamén en conseguir deixar a portería a cero.

Nesa tarefa non poderá colaborar o defensor Campillo, baixa por problemas físicos, sendo a única ausencia máis aló dos lesionados de longa duración Róber e Álex Cobo.

O encontro, no que se homenaxeará á tenista local Jéssica Bouzas e ao futbolista do Celta José Fontán, estará arbitrado polo asturiano Enrique Gao Aladro.