O alcalde de Vilagarcía propón o Arosa para a Medalla de Ouro da Cidade

O Salnés
20 de novembro 2021

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, proporá no vindeiro pleno á corporación a concesión da Medalla de Ouro da Cidade ao Arosa, en recoñecemento polos seus 75 anos de historia

Play off de ascenso a Segunda RFEF entre Arosa e Somozas na Lomba Cristina Saiz

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, proporá no vindeiro pleno á corporación a concesión da Medalla de Ouro da Cidade ao Arosa, en recoñecemento polos seus 75 anos de historia.

Tal e como avanzou Varela, o Regulamento de Protocolo e Cerimonial do Concello ofrece a posibilidade de outorgar a distinción "para premiar ou recoñecer méritos extraordinarios que concorran en persoas ou entidades, tanto internacionais, nacionais, autonómicas como locais, por prestar servizos ou dispensado honras ou beneficios culturais ou sociais á cidade".

Neste senso, o concelleiro de Educación e Deportes e presidente da Fundación de Deportes, Miro Serén, elaborou un expediente para rememorar a evolución a evolución do club desde o seu nacemento, no ano 1945, ata a actualidade, quedando reflexada a contribución do Arosa SD no fomento da actividade deportiva e na difusión da imaxe da cidade.

FITOS DO CLUB

No expediente elaborado por Serén, fai un percorrido pola historia do club, que comezou cando decidiron alugar unha finca que naqueles tempos estaba dedicada ao cultivo de millo e que era propiedade de Desamparados Barrio, xerme do actual estadio da Lomba.

Ademais, fai mención ao feito de que é o club que máis tempo militou na Terceira División en Galicia, a súa participación na Segunda División Nacional e as sete tempadas que xogou na Segunda B. Tamén fan referencia a que grazas as súas relacións co Leixoes de Portugal naceu o irmandamento da cidade con Matosinhos, ou a súa contribución ao desenvolvemento local do deporte, xunto con outras entidades como o Liceo Marítimo ou o Club de Mar, que explica o nivel actual da práctica deportiva en Vilagarcía, con éxitos nacionais, europeos e ata mundiais.

Pero, sobre todo, na proposta fan mención aos case 25 presidentes e 300 directivos que dedicaron tempo persoal e da familia a traballar polo club, coidando dunha canteira pola que pasaron miles de rapaces, e pola cidade, cuxo nome levaron por toda España. Tamén aos máis de 800 xogadores que participaron no primeiro equipo, uns vilagarciáns e outros non, pero que se converteron en embaixadores de Vilagarcía e ata moitos deles terminaron por establecer na vila os seus traballos e ata as súas familias.

Para que a concesión sexa efectiva, segundo o Regulamento de Protocolo, a proposta da Alcaldía debe contar co respaldo da maioría absoluta de pleno. De todos os xeitos, o goberno local confía "en que o apoio sexa unánime".