O Real Club Deportivo non se fía do Pontevedra ante o derbi galego do próximo domingo 18 de setembro (19.00 horas) no Estadio Municipal de Riazor.
Esa sensación despréndese polo menos das palabras do técnico deportivista, Borja Jiménez, este venres en rolda de prensa.
"É un equipo para min moi completo, non ten nada que ver cun recentemente ascendido. Mantén o bloque do ano pasado, que para a categoría era un equipazo e así quedou reflectido, e que nos vai a poñer as cousas moi difíciles, estou convencido", sinalou o preparador deportivista.
A iso hai que engadirlle que "partindo da base que son moi bo equipo, veñen xogar a Riazor e todos os equipos aquí teñen ese extra de motivación", defendeu.
Jiménez demostrou ademais o seu coñecemento sobre o plantel granate, analizando que "nos imos a atopar un equipo cunha proposta de xogo alegre, con dous mediocentros con Yelko e Miguel, con moito talento, asócianse e veñen xogar moi preto da primeira liña de centrais, con Ángel na dereita que é un lateral con moitísimo percorrido, Oier que empezou moi ben o ano con desborde, Brais que se move moi ben entre liñas, teñen agora no banco a Borja que vén de ascender, a Mario que foi un dos mellores xogadores da categoría moitos anos, Álex que leva toda a vida no club que o fai de extremo ou de lateral, e logo arriba a Charles coñecémoslle todos, Rufo fartouse a meter goles en Madrid e aquí..."
Segundo confirmou o adestrador do equipo coruñés, o único futbolista co que non poderá contar para a cita será Borja Granero, por problemas físicos.