O accionariado granate dá poder ao Consello para iniciar a ampliación de capital, á que Pescamar acudirá

Pontevedra
28 de xuño 2023

A denuncia diante dos tribunais do grupo opositor á xestión de Murillo polos préstamos do fundador de Pescamar ao club e a necesidade de ampliar o músculo económico da entidade para seguir sendo competitivos a nivel deportivo levaron ao consello de administración a expor esta saída

Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD Mónica Patxot

Despois de aprobar as contas da tempada 2021/2022 na que a débeda do Pontevedra CF SAD creceu a pesar de que terminou co ascenso a Primeira Federación, o salón de actos do Recinto Feiral acolleu unha nova xunta extraordinaria de accionistas do club granate que serviu para conceder permiso por parte do accionariado ao consello de administración para iniciar, se o estiman oportuno, o proceso de ampliación de capital da entidade.

O conselleiro responsable da área económica, Enrique Mariño, foi o encargado de explicar as razóns desta proposta, que saíu adiante cos votos favorables dos representantes do 64,83 % do total das accións da sociedade, a abstención dun accionista minoritario e o voto en contra do representante do grupo empresarial opositor á xestión de Lupe Murillo, que controla o 34,17 % das accións.

Despois de repasar a evolución da débeda, os fondos propios e as circunstancias que afectan ao Pontevedra desde que Lupe Murillo tomou as rendas do club, na que a débeda foise reducindo desde o ano 2014 e no que xa tivo un lugar unha ampliación de capital, Mariño explicou que a sociedade anónima deportiva debe acudir a unha ampliación de capital para seguir crecendo a nivel deportivo e despois de que o grupo opositor levara ante a xustiza os préstamos de Alfonso García López, fundador de Pescamar.

Desde o consello de administración remarcan que o club acode a estes préstamos para solucionar episodios de "tensións de tesourería" provocados principalmente polo atraso na cobranza de subvencións e pola dificultade de acceder a préstamos bancarios en condicións tan vantaxosas.

Por este motivo, a débeda a curto prazo con este acredor pasou dos 194.900 cos que se pechou a tempada 2020/2021, aos 679.917 euros pechados ao final do exercicio 2021/2022. Unha inxección económica que o grupo opositor levou ante os tribunais, que en primeira instancia deron a razón ao Pontevedra e á súa presidenta Lupe Murillo.

Para aumentar o músculo económico do club e evitar ter que recorrer a estes préstamos, pediu o consello de administración aos accionistas que lle concedan poder para iniciar o proceso para a ampliación de capital. As condicións son as de poñelo en marcha no prazo dun ano e que o importe total non sexa superior á metade do capital social da entidade, cifrado actualmente en 747.198 euros.

Foi no debate deste punto do día no que se produciron friccións entre as dúas faccións que compoñen o consello de adminsitración. Desde o grupo opositor explican que se opoñen á ampliación de capital porque o consideran unha manobra para que Lupe Murillo e as súas empresas transformen débeda en accións, amplíen o seu poder e dilúan en termos de porcentaxe accionarial ao grupo opositor. O conselleiro José Manuel Méndez, do que Murillo asegura que case nunca acode ás reunións do consello e que xunto ao cesado José Luís Tilve non achegan ningunha proposta, "só demandas"; recoñeceu que a súa intención é "renovar" o consello de administración do club.

O debate concluíu coa sentenza da presidenta Lupe Murillo asegurando a súa empresa, Pescamar, participará nesta aínda hipotética ampliación de capital e animou ao resto de accionistas, incluídos os do grupo opositor, a formar parte deste proceso que será beneficioso para o porvir do Pontevedra CF SAD.