Novo triunfo do Poio Pescamar para gañar confianza (3-1)

Poio
07 de outubro 2023

Despois do triunfo da pasada xornada contra o Móstoles, as de López-Tulla tiveron este sábado un novo test de nivel ante un Rayo Majadahonda que lle puxo as cousas moi complicadas desde o principio  

Partido de liga entre Poio Pescamar e Rayo Majadahonda na Seca

O Poio Pescamar xa sabe o que é gañar na casa esta tempada e deixa atrás as dúbidas do mal inicio de tempada tras as derrotas nos dous primeiros partidos de liga.

Despois do triunfo da pasada xornada contra o Móstoles, as de López-Tulla tiveron este sábado un novo test de nivel ante un Rayo Majadahonda que lle puxo as cousas moi complicadas desde o principio.

E é que tras unha serie de claras ocasións para ambas as escuadras nos instantes iniciais, Marisa adiantou ás súas no minuto 8 tras unha boa combinación con Marina Barcelona para plantarse diante de Elena e batela por abaixo.

Pero a alegría visitante durou moi poucos segundos. O Poio Pescamar empezou a presionar cada saída de balón rival, provocando un saque de esquina co que chegou o empate. Rocío Gómez púxoa a tres cuartos de cancha e cunha potente volea afastada Ale de Paz anotou o 1-1.

Pasou a dominar case por completo o conxunto conserveiro, gozando de numerosas ocasiones pero sendo incapaz de voltear o resultado. Montull enviaba a saque de esquina o man a man con Pelé; Lara Balseiro tentábao cun disparo afastado que se ía lambendo o traveseiro; e Rocío Gómez e Elena Aragón probaban sorte con senllos chuts que, ou detiña a gardameta, ou ían fóra.

Xa na recta final do primeiro tempo chegaron os avisos de Pelé, Ale de Paz e Laura Uña, pero foi a 30 segundos do descanso cando Rocío Gómez desde banda dereita puxo ao Poio Pescamar por diante. E antes de alcanzar o intermedio, tivo Ale de Paz o terceiro para o súas pero Montull evitouno sobre a liña.

Despois do paso polos vestiarios, o conxunto local saíu moi enchufado en especial por medio de Laura Uña, que avisaba nada máis comezar o segundo tempo cun disparo que saíu rozando o poste.

O asedio conserveiro continuou con numerosas ocasións ata que no minuto 24 Rocío Aragón anotou un golazo de falta directa co que subiu o 3-1 co que concluíu o envite.