O noveno campionato de inverno do Pontevedra en categoría nacional

Pontevedra
23 de decembro 2024
Actualizado: 11:15

É só a segunda vez no que vai de século que os granates chegan ao ecuador da competición no primeiro posto. Non o logran desde a campaña 2014/2015 cando militaban en Terceira División

Partido de Copa entre Pontevedra e Villarreal en Pasarón Mónica Patxot

Doce turrón este nadal para o Pontevedra Club de Fútbol, líder sólido no Grupo I da Segunda RFEF e soñando con dar unha nova badalada no principio do ano fronte ao Mallorca na Copa do Rei.

Os granates, co seu triunfo en Ávila, aseguraron o título honorífico de campión de inverno, ao chegar como primeiros clasificados ao termo da primeira volta do campionato.

Un título simbólico que non dá ascensos pero que achega a eles, e que tal e como recoñeceu antes do último partido do ano Yago Iglesias "a nivel anímico é unha recompensa" que pode servir ao plantel para "interiorizar e entender que se están facendo as cousas ben e que este é o camiño".

Trátase en todo caso dun fito que non sucedeu demasiadas veces na historia do club pontevedrés, xa é que é só a novena vez que o consegue nas súas 83 anos de vida, sen contar neses datos cos seus dous primeiros anos de existencia e a tempada 57/58 (nas que militou en categoría rexional).

De feito é o segundo campionato de inverno no que vai de século, xa que a última vez que o logrou foi na campaña 2014/2015 cando militaba en Terceira División. Unha tempada por certo na que terminaría ascendendo a Segunda B.

Para atoparse con outro equipo do Pontevedra como campión honorífico invernal hai que retroceder até a década dos 80. Foi na campaña 83/84, cando chegou como líder en Terceira nun curso no que tamén terminaría ascendendo. Naquela ocasión era o terceiro campionato de inverno consecutivo posto que tamén o conseguiu na 81/82 e a 82/83 pero sen lograr a final de curso o obxectivo de subir de categoría.

As outras catro veces que o Pontevedra foi campión de inverno foron as tempadas 64/65 en Segunda División e as 59/60, 47/48 e 46/47, todas elas en Terceira.

Con todo os granates si foron moitas veces subcampións simbólicos a metade de tempada, por exemplo hai un ano cando tiveron a tiro o campionato de inverno sendo superados finalmente polo Ourense CF. Tamén era segundo o equipo da Boa Vila en campañas lembradas como a 21-22 cando ascendeu a Primeira RFEF (estaba a cinco puntos do Adarve) ou na 03/04 cando asinou o até a data último ascenso ao fútbol profesional, a Segunda División contra o Lorca (era segundo a dous puntos do Racing de Ferrol).

Nesta lista non podía faltar tampouco o 'Hai que Roelo, e é que a mellor tempada da historia granate, a 65/66 en Primeira División, chegouse ao ecuador da liga na segunda posición da máxima categoría a só 3 puntos do Atlético de Madrid.

Tamén ao comezo de século XXI, cun Pontevedra dominador na Segunda B e aspirante claro ao ascenso, asináronse cinco subcampionatos de inverno, tres deles consecutivos entre 05/06 e a 07/08.