O Pavillón Municipal dos Deportes estará cheo ata a bandeira para gozar este mércores 11 de setembro (20.00 horas) do partido entre dous das máximas potencias do baloncesto masculino europeo, o Real Madrid e o AS Mónaco, campións das ligas española e francesa e con toda unha constelación de estrelas nos seus planteis.
"O pavillón estará cheo, e no torneo estamos en camiño", confirmou Iván Villar, un dos organizadores do Torneo EncestaRías, na presentación este martes da "semana fantástica de baloncesto" que vivirá a Boa Vila.
A expectación é máxima sobre todo coa cita entre Real Madrid e Mónaco, non en balde "pode ser unha final da Euroliga", defendeu Villar acompañado entre outros polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o directivo do Arxil Lino Vázquez.
A acollida tanto para o bautizado como 'Dream Game' deste mércores como para o torneo da fin de semana co propio Mónaco, Valencia Basket, Breogán e Leyma Coruña é tal que xa se deixa a porta aberta a consolidar Pontevedra como a súa sede permanente.
"Somos de Vilagarcía e este torneo é fillo de Vilagarcía, pero a dimensión do evento agora mesmo sobrepasa os límites de Fontecarmoa", recoñeceu Diego Doval, tamén organizador da cita, debido a diferenza de aforo.
Anabel Gulías recolleu a luva desde o goberno local pontevedrés, afirmando que "imos a facer todo o posible por reter o EncestaRías", dentro dun "compromiso de traballar nun proxecto de baloncesto a longo prazo".
No acto celebrado este martes presentouse ademais a Celso Míguez como padriño da novena edición do "torneo más importante de pretemporada que se disputa en el estado español", defendeu o presentador Sergio Delpont. Ademais dentro dos eventos previstos para a próxima semana terá un papel importante o Club Baloncesto Arxil, cunha homenaxe prevista á figura de Mayte Méndez así como a disputa no Municipal do seu partido de Copa Galicia fronte ao Baxi Ferrol.