New York City, Servette de Suíza e Copenhague, novidades do Torneo Alevín AF7

O Salnés
14 de maio 2023

Nun acto celebrado no Auditorio de Ribadumia, a organización revelou o nome dos equipos que participarán nesta nova edición, que volverá contar co FC Barcelona, Real Madrid, Ajax ou Paris Saint Germain  

Bancadas cheas na Senra pola disputa da fase previa do campionato alevín Arousa Fútbol 7 Arousa Fútbol 7

A fase final do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 contará este ano con equipos de renome entre os que se atopan os debutantes FC Copenhague, o Servette FC e o New York City.

Nun acto celebrado no Auditorio de Ribadumia, a organización revelou o nome dos equipos que participarán nesta nova edición, que volverá contar co FC Barcelona, Real Madrid, Ajax ou Paris Saint Germain.

Tamén participarán os galegos ED Val Miñor, ED Xuventude Oroso, Bertamiráns FC e AC Montañeros, clasificados na fase previa e que competirán do 26 ao 28 de maio na Senra para coroarse como mellor equipo a categoría.

As grandes novidades que servirán como principal reclamo serán os tres estranxeiros FC Copenhague, Servette FC e New York City, encadrados nos grupos B, A e D, respectivamente.

Desta maneira, o Grupo A compoñerano Atlético de Madrid, Vilarreal, Deportivo, Val Miñor e Servette FC, este último gañador de varios torneos de gran nivel en Europa e que conta cunha xeración de grandes promesas de Suíza.

O Grupo B estará formado por FC Barcelona, Porto, Celta, Bertamiráns e FC Copenhague, club con máis títulos de Dinamarca e que máis xogadores achega a todas as categorías da súa selección nacional, mentres que o Grupo C constitúeno o RCD Espanyol, o Ajax de Ámsterdam, o Sevilla, o SL Benfica e o Xuventude Oroso.

O cartel complétao o Grupo D no que competirán Real Madrid, Paris Saint Germain, Betis, Montañeiros e New York City, equipo da Major League Soccer que máis aposta polo traballo da canteira e ten convenios de colaboración con clubs europeos.

No acto de presentación do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 estiveron o presidente, Manuel Diz, e representantes da Xunta, a Deputación, Concello e Federación Galega.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, destacou a "enorme dimensión do que xa está catalogado como mellor torneo internacional de fútbol alevín do mundo" e que contou con xogadores de primeiro nivel como Iago Falqué, Iago Aspas, Sergio Canles, Dani Carvajal, Leandro Paredes ou Kinglsey Coman.