Naval de Pontevedra e Ciudad de Pontevedra inician a tempada vencendo no Campionato Galego de Inverno de embarcacións dobres

Pontevedra
22 de xaneiro 2024

O encoro de Castrelo de Miño foi escenario do Campionato Galego de Inverno de embarcacións de equipo (K2 e C2), cunha distancia de 3.000 metros

Podio do C-2 masculino no Campionato Galego de Inverno de Piragüismo Federación Galega de Piragüismo

O encoro de Castrelo de Miño foi escenario do Campionato Galego de Inverno de Piragüismo de embarcacións de equipo (K2 e C2), cita na que foron protagonistas dous clubs pontevedreses.

O Club Naval e a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra proclamáronse vencedores da competición autonómica, celebrada en distancia de 3.000 metros.

Na categoría senior masculina, o Naval de Pontevedra proclamouse como vencedor cun total de 275 puntos. O Piragüismo Verducido e o Piragüismo Vilaboa ocuparon a segunda e terceira posición, respectivamente, con 212 e 196 puntos.

Pola súa banda a clasificación feminina estivo comandada pola EP Ciudad de Pontevedra con 199 puntos, seguido polo Kayak Tudense en segundo lugar con 130 puntos, e o Piragüismo Cidade de Lugo no terceiro posto con 120 puntos.

A nivel individual cumpríronse a maioría de prognósticos, con vitorias como as de Adrián Sieiro e Manuel Fontán (O Muíño) e Antía Otero e Noa Conde (Ciudad de Pontevedra) no C-2, ou de Antonio Palmás e Diego Castro (Piragüismo Vilaboa) no K-2.