Naufraxio dun Pontevedra despistado e sen fútbol (3-0) ante un Compostela máis intenso

Pontevedra
06 de febreiro 2016

Puido ser peor a cousa para os granates, posto que o equipo compostelán dispuxo dun penalti no tempo de desconto para ampliar o marcador. Edu, que contribuíra cun grave erro no segundo tanto local, compensou o seu fallou desviando o disparo de Bicho para impedir o cuarto gol dun Compostela que foi mellor e superou aos de Luisito en todas as liñas

Os xogadores do Compostela celebran o 1-0 ante o Pontevedra en San Lázaro Diego Espiño

Só 12 goles a favor levaba o Compostela en 23 xornadas. Iso non foi obstáculo para que nun partido conseguise a cuarta parte desa cantidade, aproveitando as incomprensibles facilidades que lle deu un equipo como o Pontevedra que ata agora distinguiuse precisamente pola súa solidez e intensidade defensiva, que lle levaban a ser o segundo equipo menos goleado do grupo.

E puido ser peor a cousa para os granates, posto que o equipo compostelán dispuxo dun penalti no tempo de desconto para ampliar o marcador. Edu, que contribuíra cun grave erro no segundo tanto local, compensou o seu fallou desviando o disparo de Bicho para impedir o cuarto gol dun Compostela que foi mellor e superou aos de Luisito en todas as liñas.

Foi un Pontevedra irrecoñecible. Sen ideas nin fútbol. Con graves fallos de concentración defensiva. Sorprendido na posta en escena pola aposta do técnico branquiazul, Fredi, que dispuxo unha liña defensiva de tres centrais para poboar a zona ancha e gañar alí a superioridade.

Saíulle á perfección. O seu equipo fíxose dono do balón, soubo adaptarse ao estado do campo, case imposible para a condución a medida que ía acumulando auga sobre o cesped, e dominou ata inclinar a balanza, para logo defenderse sen abafo algún, saíndo en contras con moito perigo, aproveitando o naufraxio dunha liña central visitante que nunca atopou o seu sitio sobre o terreo, nin para facer o balance defensivo, nin para fornecer de balóns aos seus homes de arriba.

Máis necesitado dos puntos, o Compostela saíu decidido a esquecer a súa delicada posición. E a verdade é que os locais acreditaron despois de moito tempo o potencial que se lle supoñía ao comezo de tempada. Certo é que a iso contribuíu moito o Pontevedra, desafortunado nas xogadas dos tres goles e practicamente nulo en ataque, tanto que unicamente no últimos cinco minutos do primeiro tempo foi capaz de levar perigo á meta de Pato.

Sen que pasase nada, pero co Compostela dominando territorialmente, o gol que abría o marcador chegaba mediado o primeiro período. Facíao dunha forma que empeza a ser preocupante, xa que o Pontevedra está a conceder demasiadas facilidades nas accións a balón parado. Catú, de cabeza, gañou a acción e a posición ao bordo da área de meta a Jacobo e Kevin Presa, para rematar de cabeza á saída dun corner.

Apenas dous minutos máis tarde puido chegar o segundo. Foi como consecuencia dun erro no despexe á saída doutro corner. Guillem Martí mandou o coiro rozando o poste.

Máis clara sería a seguinte. Seguían os graves fallos defensivos e esta vez foi Verdú quen deu unha patada ao aire ao querer despexar un balón fácil, minuto 38. Guillem Martí atopouse co balón absolutamente só, ao bordo da área pequena, pero fallou a de Cardeñosa, mandando o seu remate fóra.

Coma se esa acción espertase por fin aos granates, o Pontevedra tivo o seu escasos cinco minutos de inspiración en todo o partido. Levado por Jacobo, dos poucos que se salvan do ton gris do equipo, o de Bueu nunha acción individual pon a proba a Pato, que ten que estirarse para rozar o xusto e mandar o balón á esquina.

Para chegar a esa primeira ocasión houbo que esperar ao minuto 41 e un máis tarde chegaba a segunda e case última aproximación seria dos visitantes. Capi puido empatar, ao recibir un balón só, tras un rexeite á saída dun corner, pero non acertou a meter o pé e Pato salvou co peito.

A segunda parte comezou cun Pontevedra lixeiramente máis adiantado e un tímido intento de Borjas, que quixo sorprender a Pato desde medio campo, pero o seu lanzamento saíu desviado. Luisito deu entrada a Álex Fernández por un gris Queijeiro.

O técnico buscaba dar a volta ao partido facéndose co control da pelota, pero a súa aposta foise pronto ao traste nunha acción desafortunada de Edu, na que a defensa pecou tamén de falta de intensidade. Unha falta lateral (minuto 51), cómea o porteiro no despexe, mandando o balón contra o traveseiro. O rexeite cae entre unha nube de xogadores a Catú, que non perdoa desde preto.

O partido estaba sentenciado ante a falta de chegada que estaba a ter o Pontevedra. Nin a entrada de Pablo Carnero nin a de Jandrín deron o resultado esperado, e o Compostela ampliaba a conta, pechando a goleada cun terceiro gol (minuto 61) conseguido por Manu Rodríguez, ao recibir un pase interior, absolutamente libre de marcaxe nun grave erro defensivo, batendo a Edu por alto.

Co equipo roto, o Compostela puido profundar na ferida. Evitouno Kevin Presa cun par de cruces providenciales, pero pagouno caro no desconto, cometendo un claro penalti sobre Camacho que lle custou a segunda amarela e a expulsión. Edu polo menos evitou o cuarto gol local, mandando o disparo de Bicho a corner, na maior derrota encaixada polo Pontevedra en toda a "era Luisito".

SD COMPOSTELA (3): Pato; Josu, Portela, Catú, Jimmy; Sergio Sánchez, Javi Moreno; Manu Rodríguez, Jordan (Camacho, minuto 72), Goti (Bicho, minuto 67); e Guillem Martí (Chiño, minuto 83).

PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Campillo (Jandrín, minuto 59), Capi, Verdú; Kevin Presa, Queijeiro (Álex Fernández, minuto 46); Antonio Bello, Hugo Rodríguez (Pablo Carnero, minuto 53), Jacobo; e Borjas.

Árbitro: Leandro Carbajales Gómez (Asturias), auxiliado nas bandas por Omar Mata Areces e Francisco García Risco. Expulsou por dobre amoestación ao xogador do Pontevedra, Kevin Presa (minuto 91). Amoestou a Goti, Catú e Josu, polo Compostela, e a Queijeiro, Álex Fernández, Capi e Antonio Bello, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 24: Catú. (2-0) Minuto 51: Catú. (3-0) Minuto 61: Manu Rodríguez.

Incidencias: Estadio Municipal de San Lázaro (Santiago de Compostela). Uns 900 espectadores.