Natan Suárez abandona o Teucro "por problemas familiares"

Pontevedra
12 de decembro 2018

Sorprendente noticia na Sociedad Deportiva Teucro, que este mércores anunciou a baixa federativa de Natan Suárez o día no que debe afrontar o seu último partido da primeira volta na Liga Asobal. O primeira liña era ata a data o segundo máximo goleador do equipo

Partido entre Teucro e Ángel Ximénez no Municipal Diego Torrado

Serio contratempo, un máis, para a Sociedad Deportiva Teucro, que perde a un dos homes que maior peso ofensivo tivo no equipo na primeira parte da tempada.

Natan Suárez deixou de ser xogador teucrista. Así o anunciou nun breve comunicado o club, que lle dá a baixa federativa argumentando "problemas familiares".

O xoven primeira liña chegou no verán ao Teucro procedente do Agustinos Alicante como unha aposta de futuro, sendo desde o primeiro momento importante nos plans de Luís Montes e chegándose a converter ata a data no segundo máximo goleador dos azuis (50 goles), só superado por Davor Cutura.

A baixa de Natan Suárez produciuse por sorpresa, tanto que nin sequera viaxou este mércores a Benidorm onde se disputará o último encontro da primeira volta da Liga Asobal a pesar de que o seu nome figuraba só unhas horas atrás entre os dispoñibles para o técnico.

Esta saída do equipo obrigará o Teucro a acudir ao mercado de fichaxes para reforzar o plantel, algo que xa estaba a sopesar a directiva antes da rescisión de contrato de Natan.