Multan o Pontevedra polo lanzamento de "mazapáns e varias botellas de auga baleiras" desde a bancada de Pasarón

Pontevedra
05 de xuño 2024

O Comité de Competición impuxo unha multa ao club granate por unha "alteración da orde do encontro de carácter leve" acontecida durante a final polo ascenso fronte ao Betis Deportivo. A sanción, segundo establece o código disciplinario da Real Federación Española de Fútbol, pode chegar aos ata os 602 euros de contía

Eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Betis Deportivo en Pasarón Mosrey Fotografía

O Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol impuxo unha multa ao Pontevedra Club de Fútbol por un suceso acontecido o pasado domingo 2 de xuño durante a final do ascenso contra o Betis Deportivo.

Non se trata dunha sanción grave nin que vaia afectar seriamente á economía da entidade, pero non deixa de ser curiosa polo explicado polo colexiado do encontro, o madrileño Jerónimo Montes García-Navas, na súa acta arbitral.

Afirmaba o árbitro que no minuto 78 parou o encontro polo lanzamento desde o Fondo Norte de "varios obxectos onde identificamos mazapáns e varias botellas de auga baleiras, non impactando en ningún participante do xogo".

Pois ben, Competición sanciona ao club granate tras este episodio por unha "alteración da orde do encontro de carácter leve", tipificada no Artigo 117 do Código Disciplinario da Real Federación Española de Fútbol.

Este epígrafe do código federativo especifica que "o club responsable será sancionado con multa de ata 602 euros", aínda que no caso do Pontevedra o castigo quedo finalmente en só 150 euros.