Movementos no filial nos últimos días do mercado de fichaxes: Pedro Espiña, cedido ao Céltiga

Pontevedra
29 de xaneiro 2024

O centrocampista do Pontevedra B, de 20 anos, baixa unha categoría en busca de minutos para tentar axudar o Céltiga no seu obxectivo de ascender a Terceira RFEF. Regresará a final de tempada á disciplina granate

Pedro Espiña nun partido co Pontevedra B
Pedro Espiña nun partido co Pontevedra B / Pontevedra CF SAD

Recta final da xanela de fichaxes, e co primeiro equipo do Pontevedra definido e sen esperar grandes movementos salvo que xurda unha oportunidade de mercado en idade sub-23, é o filial granate o que centra todas as miradas.

O segundo equipo pontevedrés, inmerso na loita por salvar a categoría, anunciou este luns a cesión ao Céltiga de Pedro Espiña ata final de tempada.

O centrocampista, de 20 anos e que no que vai de curso en Terceira RFEF suma 316 minutos pero só dúas titularidades, baixa un chanzo para tentar axudar o conxunto arousán no seu obxectivo de ascender, e é que o Céltiga é agora mesmo terceiro no Grupo Sur de Preferente a 4 puntos de distancia do Portonovo.

A saída de Espiña é a segunda que se produce no Pontevedra B este mes de xaneiro, tras a baixa de Gonzalo Álvarez, ao que se suma a fichaxe do dianteiro Fran López.

Unha cesión que deixa a porta aberta a algún reforzo máis antes de que peche oficialmente o prazo.

Cabe lembrar neste aspecto que na Terceira RFEF non se pode falar de mercado invernal, posto que o período habilitado para a inscrición de futbolistas é continuo desde verán ata a data límite do 1 de febreiro.