Moita diversión e aprendizaxe nos catro días de campus de Nadal para porteiros de Azero

Pontevedra
28 de decembro 2022

Un total de 31 porteiros en idade de formación participan entre o 26 e o 29 de decembro no campus que se celebra no campo de fútbol de Campañó con mentores da talla de Edu Sousa

Campus de porteiros que organiza en Campañó polo Nadal Azero Porteros PontevedraViva

O campo de fútbol de Campañó está a ser escenario estes días do campus para porteiros que cada ano organiza o club Azero Porteros.

En quenda de mañá, entre o 26 e o 29 de decembro, 31 aspirantes a gardameta en idade de formación gozaron das vacacións facendo o que máis lles gusta, xogar ao fútbol.

As sesións, impartidas por seis técnicos de recoñecida experiencia e prestixio baixo paus, centráronse en mellorar a técnica, o físico, o xogo ou a táctica dos arqueiros. Pero o principal obxectivo de monitores e participantes non era outro que o de gozar do Nadal facendo deporte e compartindo tempo con amigos.

Moitos dos encargados de ensinar a estes prometedores porteiros compiten en categorías nacionais e rexionais e son fonte de inspiración para os aprendices. É o caso do excapitán do Pontevedra e actual porteiro do Deportivo en Primeira Federación, Edu Sousa. Tamén forman parte do elenco, o porteiro do Coruxo Alberto Domínguez ou o do Ribadumia, Óscar. 

Acompáñanos técnicos de dilatada traxectoria no futbol galego como Roberto Pazos, técnico do Arosa; Antonio Rodríguez, adestrador de porteiros da EF Porteiro 2000, Salgueiriños e CD Ribadumia; ou Dani Paseiro, adestrador de porteiros do Céltiga.

O campus clausúrase este xoves despois de catro xornadas de frenética actividade nos que nin a choiva puido conter a diversión destes 31 mozos deportistas que soñan con chegar todo o máis alto, pero sempre baixo o traveseiro.