A terceira proba da Tripla Coroa Illas Atlánticas, unha das competicións de natación máis duras de España, cun percorrido de 23 km entre a illa de Ons e Combarro, na ría de Pontevedra, xa ten gañadores.
Trátase do tarraconense Mikel Arteaga García a gijonense Patricia Agüera Fernández, quen se proclamaron vencedores cun tempo de 5 horas, 53 minutos e 34 segundos e de 6 horas, 40 minutos e 3 segundos, respectivamente.
Na categoría masculina, Aldo Román Gutiérrez Chairos, das Palmas, quedou segundo cun tempo de 5:58:25, seguido por Jorge Espinosa Mira, de Ourense, con 5:58:33. Na categoría feminina, Esperanza Navarro Simón, de Valencia, chegou en segundo lugar con 6:57:06, mentres que as canarias Erika Machín Hernández e Elyonai Ramírez Sandoval compartiron o terceiro posto cun tempo de 7:45:32.
Na categoría sen neopreno, Luis Bárcena Pérez, de Xixón, foi o vencedor masculino cun tempo de 7:31:53, mentres que Agurtzane Domingo Inhiesta, de Vizcaya, foi a única muller en completar a proba sen neopreno, cun tempo de 8:39:15.
Con esta proba, a terceira e última da Tripla Coroa Illas Atlánticas, Aldo Román e Patricia Agüera coroáronse como os gañadores absolutos da Tripla Coroa.
Na travesía participaron un total de 139 nadadores, entre 21 e 66 anos, dos cales 24 non lograron finalizala. A proba contou cun amplo despregamento de seguridade, incluídas 30 embarcacións, 45 kayakistas e máis de 150 persoas entre terra e mar.
A xornada estivo marcada polas boas condicións meteorolóxicas, con pouco vento e ondada moderada, aínda que a temperatura da auga roldou os 15 graos. Os nadadores partiron en cinco grupos desde a illa de Ons e, tras un duro tramo inicial de 5 km en mar aberto, o percorrido seguiu preto da costa.
Tamén se celebraron actividades paralelas, como visitas guiadas á illa de Ons e Combarro, e unha limpeza da praia.
A terceira edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas é unha competición con tres probas de natación de 15, 19 e 23 km de distancia –esta última unha das máis duras de España– que se disputan nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, entre 2022 e 2024, cun total de 57 km en tres anos. Cada unha das tres travesías sae dunha illa do Parque Nacional: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.