Miguel Román: "Estou moi contento aquí, teño un contrato de dous anos e non teño en mente cambiar de sitio"

Pontevedra
09 de decembro 2021

O centrocampista de Gondomar, unha das revelacións da tempada no Pontevedra aos seus aínda 18 anos, recibiu este xoves o premio ao mellor xogador granate do mes de novembro. Asegura sentirse cada vez máis cómodo no equipo mentres soña co seu primeiro gol en Pasarón

Miguel Román co premio ao mellor xogador do mes de novembro no Pontevedra CF PontevedraViva

A piques de cumprir os 19 anos (farao o 26 de decembro), Miguel Román deixou de ser unha das revelacións da tempada no Pontevedra Club de Fútbol para converterse en toda unha realidade.

Desde a súa entrada no equipo como titular en Luanco acumula 9 encontros consecutivos no once inicial, con actuacións destacadas que lle levaron a ser recoñecido este xoves co Premio Estrella Galicia ao mellor xogador granate do mes de novembro.

"Estou a ter minutos, estou a xogar titular... É algo co que non podía soñar, non teño ningunha queixa", asegura o centrocampista de Gondomar, que co paso das xornadas vai mellorando incluso as súas prestacións.

"O primeiro partido co Marino xogaba a dous toques, sen complicarme a vida, e agora que teño un pouco máis de confianza tento soltarme máis e xogar máis cara a adiante, tentar saltar unha liña de pase, facer unha parede...", explica sobre o seu rol no equipo pontevedrés revelando que o adestrador, Ángel Rodríguez, pídelle "que primeiro vexa polas miñas costas e defensivamente e se nos atopamos ben aí podo xa ofrecer ofensivamente".

A súa explosión na Segunda RFEF no posto de pivote defensivo, nunha praza tan complicada como a de Pasarón, fixo que moitos virasen os seus ollos cara a Román, que o pasado curso aínda competía co Choco na División de Honra Xuvenil. Con todo, con contrato asegurado a próxima campaña cos granates prefire centrarse no día a día, sen mirar máis aló. Así o asegurou en declaracións a PontevedraViva: "Eu vivo o presente, o que teña que vir despois que veña. De momento estou moi contento aquí, teño un contrato de dous anos e non teño en mente cambiar de sitio".

Mentres tanto móstrase agradecido ao apoio recibido do club e tamén dunha afección que "desde o primeiro día que cheguei que case ninguén me coñecía xa me estaba apoiando". Todo iso soñando co día de celebrar o seu primeiro gol en Pasarón. "Non estaría mal a verdade, e que fose canto antes, pero primeiro as costas e a defensa e despois o ataque", asegura coa lección ben aprendida.