As boas sensacións coas que o Farto-BTC chegaba a Francia confirmáronse. A corredora neozelandesa Michaela Drummond levou ao club pontevedrés a liderar o Tour de l'Ardèche tras vencer na segunda etapa desta prestixiosa carreira.
Drummond, que xa fora segunda na primeira etapa que se decidiu ao sprint, cruzou a liña de meta, situada na cidade de Nimes, por diante da española Lucía Ruiz (Eneicat).
A etapa, que tiña 92,7 quilómetros, comezou cun ritmo frenético nas estreitas estradas de Nimes que viu a un grupo de trinta unidades, entre elas Drummond, gañar minuto e medio sobre o pelotón. Os dous grupos xuntáronse e a proba discorreu sen grandes movementos.
O últimos cinco quilómetros urbanos, con curvas, obstáculos e fochancas non impediron que a velocidade do grupo cara á meta de Nîmes chegase a ser de 80 quilómetros por hora.
O Farto-BTC coñecía ben a chegada tras estudala en detalle os días anteriores e iso permitiulles manter a Michaela segura, con cada metro da estrada estudado.
A falta de 300 metros para a meta, unha curva de noventa graos á dereita ía ser a decisiva no sprint final. Michaela entrou moi ben posicionada e a confusión de dous ciclistas terminou cunha aparatosa caída da que Drummond librouse grazas a ese bo posicionamento.
"Esta vitoria significa moito para min tras un ano moi duro. Aínda non mo creo", sinalou a corredora do equipo pontevedrés, que destacou o "impecable" traballo das súas compañeiras, que "me posicionaron perfectamente para os últimos quilómetros".
Engadiu que, grazas a que coñecían ben o final do percorrido, "libramos todos os perigos, puiden entrar na curva con confianza e cunha vía de saída e atopeime esprintando soa".
Michaela Drummond non só gañou a etapa. Vestiu a camisola de líder da clasificación xeral e a de puntos, un triplete histórico para o Farto-BTC.
'Para nós é unha honra e a mellor maneira que temos de demostrar que merecemos seguir vivos o ano que vén e conseguir ese patrocinador que nos permita dignificar os salarios de todas as ciclistas', explicou Brais Dacal, director deportivo do equipo.
A terceira das sete etapas desta carreira ten saída e chegada en Avignon, cun perfil ideal para as sprinters, polo que o Farto-BTC espera poder manter o liderado da xeral pero, sobre todo, tentar gañar outra etapa e seguir acumulando éxitos deportivos.