Mensaxe reivindicativa das campioas de Europa: "Temos que facer o dobre para que nos dean a metade"

Pontevedra
04 de abril 2023

Ale de Paz, Luci Gómez e Silvia Aguete, campioas de Europa coa selección española de fútbol sala, foron recibidas este martes na Deputación polo deputado Gorka Gómez

Silvia Aguete, Luci Gómez e Ale de Paz, recibidas na Deputación por Gorka Gómez PontevedraViva

As tres campioas de Europa de fútbol sala que militan nos equipos da provincia de Pontevedra, Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez; foron recibidas este martes no Pazo Provincial polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen en nome da Deputación felicitounas polo éxito conseguido.

Ademais de poñer en valor a xesta de conseguir o terceiro título continental consecutivo co combinado nacional, tanto as futbolistas como o titular de Deportes fixeron fincapé na necesidade de seguir apoiando o fútbol sala e o resto de deportes femininos para percorrer o longo camiño que teñen aínda por diante para lograr a plena igualdade coas competicións masculinas. 

"É necesario que esteamos aquí porque temos que conseguir o dobre de cousas para que se nos dea a metade", reivindicou a xogadora do Marín Futsal, Ale de Paz. Un discurso que compartiron as súas dúas compañeiras. "Necesitamos máis visibilidade, máis patrocinios e máis apoio das institucións", demandou Luci Gómez, do Poio Pescamar. "Dedicámonos profesionalmente a isto e merecémonos dar un paso máis. Temos o reflexo do fútbol, que cando se lles deu o apoio que mereceron deron un salto enorme. Nós podemos facer o mesmo", engadiu a actual gardameta do Marín Futsal e exxogadora vermella, Silvia Aguete. 

Á marxe das mensaxes reivindicativas, tamén houbo tempo para as felicitacións e os agradecementos. Gómez falou dun "ciclo histórico" da selección española de fútbol sala e estendeu as súas felicitacións ao corpo técnico, do que tamén forma parte o preparador físico pontevedrés Adrián Paz. Neste sentido, quixo poñer en valor o bo traballo de todas as xogadoras e dos profesionais que forman parte dos clubs de Primeira División da área de Pontevedra, o Marín Futsal e o Poio Pescamar.

"Estamos orgullosas do conseguido, porque estamos a facer historia e por compartilo cunhas compañeiras incribles", declarou Luci Gómez. "Afortunadamente xa é algo habitual e oxalá se repita", engadiu unha Silvia Aguete que promete "seguir facendo o que nos corresponde".