Mensaxe de Antonio Fernández tras a derrota en Vigo: "Con isto non nos chega para gañar"

Pontevedra
10 de agosto 2022

Aínda que o adestrador do Pontevedra cualificou como "anecdótica" a derrota na amigable fronte ao Coruxo, cre que debe servir de aprendizaxe para o seu equipo. "Foi unha boa proba para darnos conta que temos que seguir mellorando", sinalou

Antonio Fernández, no partido de pretempada entre Pontevedra CF e Celta B en Baltar
Antonio Fernández, no partido de pretempada entre Pontevedra CF e Celta B en Baltar / Cristina Saiz

A primeira derrota da pretempada do Pontevedra, na súa visita ao Coruxo, é "anecdótica" para Antonio Fernández, que con todo non esconde que "temos que seguir mellorando".

Aínda desde o céspede do Vao e ao termo do encontro, o técnico granate recoñeceu que o partido "nos ten que valer para darnos conta que con isto non nos chega para gañar".

A pesar da decepción polo resultado Antonio defendeu que "estou contento co desempeño dos xogadores", pedindo "tranquilidade".

O certo é que con varios futbolistas importantes na bancada por diferentes molestias físicas (Brais Abelenda, Samu Araújo, Seoane e Álex Fernández ademais de Valentín), o adestrador apostou por "probar outro modelo dentro da estrutura de ataque. Xogamos con Oier atrasado de lateral, xogou Martín para ter a oportunidade de demostrar... É o momento de probar, de ver cousas, de ver aos futbolistas en diferentes posicións", asegurou avanzando que "polo momento non puxemos aínda un equipo presumiblemente titular", sendo o máis parecido o visto no Trofeo Luís Otero.

O preparador granate eloxiou ademais o bo nivel mostrado polo Coruxo, un equipo "ben plantado e traballado" que chegou a quitarlles a posesión en importantes tramos do encontro.