Mala tarde no Vao para o Pontevedra, que encaixa a súa primeira derrota da pretempada (1-0)
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/221/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62f3d3698f-img_0203.jpg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a28/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/62f4c7c297-62f3d3669e-img_0185.jpeg)
© PontevedraViva
Quinto partido na pretempada do Pontevedra Club de Fútbol e primeira derrota, nunha mala tarde para o conxunto granate na súa visita este mércores ao Coruxo no estadio vigués do Vao. Sobre todo polas sensacións mostradas na segunda metade, na que se viu superado con claridade polo seu rival.
Sobre un céspede en perfectas condicións, Antonio Fernández debuxou un once inicial que empeza a perfilarse para a primeira xornada de liga, aínda que con variacións ante as ausencias de homes importantes que se atopaban fóra da convocatoria como Álex Fernández, Brais Abelenda ou Samu Araújo, xunto a Seoane e Valentín, que tampouco entraron na lista.
A aliñación contaba ademais coa presenza por primeira vez do central a proba Derik Osede, tras unha efémera participación no Trofeo Luís Otero e superados os seus problemas físicos. Con Cacharrón en portería, acompañáballe Soto no centro da defensa, Oier Calvillo e Sergio Aabal nos laterais, un centro do campo con Miguel Román, Yelko e Mario Ortiz, unhas bandas con Martín Diz e Alberto Rubio e a punta de ataque con Rufo.
Nunha primeira metade de dominio alterno Yelko Pino foi o primeiro en gozar dunha clara ocasión en chegada, pero o seu disparo marchou alto. Tamén ameazou Martín chegando a liña de fondo sen atopar compañeiro no pase final.
Foi antes de que Luismi, ao fío da media hora de xogo, adiantase ao Coruxo nun erro defensivo, aproveitando o balón que lle chegou ao corazón da área.
Co 1-0 no marcador, o Pontevedra rozou a igualada antes do descanso nun perigoso chute de Oier Calvillo desde a frontal que se marchou desviado por centímetros, pero o electrónico non se movería.
Tras o descanso Antonio deu entrada a homes importantes como Charles, Bastos, Churre e Borja Domínguez en lugar de Derik, Martín Diz, Miguel Román e Ortiz, dando minutos por tanto á parella de dianteiros formada por Rufo e Charles. Tamén acabarían xogando Felipe, Manu Vizoso, Rachu e Víctor Casais.
O Pontevedra tentou facerse co control do coiro e a piques estivo de chegar a igualada ao pouco de comezar, nun centro de Rubio que Rufo cabeceou ao traveseiro, pero o cadro local deulle a volta e comezou a chegar con perigo rozando o gol pouco despois ata en tres ocasións, topándose Yelco Alfaya coa madeira primeiro e cunha boa man de Cacharrón despois.
A imaxe de igualdade de forzas no primeiro acto cambiou por completo e, con síntomas de cansazo, o equipo da Boa Vila foise desinflando conforme pasaban os minutos sen chegar a ameazar un resultado que mesmo se lle quedou cortou ao Coruxo. Aínda así Víctor Casais puido conseguir o empate no 90, pero o seu cabezado foise á madeira pechando unha tarde para esquecer do seu equipo. Un pequeno borrón do que aprender para chegar en plenas condicións ao comezo de liga.
Partido amigable entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Quinto partido amigable na pretempada do Pontevedra CF, que visitou o Coruxo no seu estadio
© PontevedraViva