Samertolameu navega con paso firme cara ao título da Liga Galega de Traíñas. Na III Bandeira Reganosa en Mugardos sumou o seu sexto triunfo parcial da temporada (cuarto de xeito consecutivo) e aproveitouse de que Cabo da Cruz rematou cuarta para ampliar a súa vantaxe a sete puntos ao fronte da táboa. Chapela voltou ser o gran rival dos de Meira, pero quedouse a cinco segundos da vitoria.
'A Terca' e a 'Arealonga' chegaron igualadas ao final do primeiro longo da quenda de honra. Samertolameu acadou unha vantaxe de tres segundos ao paso polo ecuador da proba e soubo xestionar esa marxe ata o final. Mantivo a renda na terceira ceaboga e na meta bateu por cinco segundos a Chapela.
Amegrove ocupou dende o primeiro parcial a terceira posición e protagonizou unha loita pechada con Cabo da Cruz para manter esa praza. A traiñeira de Boiro situouse a tan só dous segundos na última virada, pero non foi capaz de remontar e finalizou a cinco segundos dos do Grove.
Na primeira serie Mugardos e Vilaxoán loitaron de poder a poder pola vitoria. 'A Bestarruza' foi un segundo máis rápida no primeiro longo e 'A Revenida' alcanzouna na metade da proba. Os remeiros arousáns abriron un oco de dous segundos no terceiro longo, que acabou resultando definitivo. Pola súa parte Mecos-Mondariz deixou ben claro que non tira a toalla na loita pola permanencia e remou dende as primeiras referencias con mellores tempos que A Cabana de Ferrol, o seu rival directa pola salvación.
SAMERTOLAU GAÿOU TAMEN EN VILAXOAN
Os remeiros de Meira tamén triunfaron o sábado na emocionante XIX edición da Bandeira Concello de Vilagarcía. Chapela e Cabo da Cruz discutíronlle o triunfo ata o último longo, pero Samertolameu demostrou nas augas de Vilaxoán o seu magnífico estado de forma.
Nunha tarde con moito vento, a posta en escea do conxunto adestrado por Xosé Manuel Francisco foi tan imparable como de costume. Ao remate do primeiro longo na quenda de honra, obtiña unha renda de tres segundos sobre Cabo e de catro respecto a Chapela. Pero a 'Arealonga' ía protagonizar un segundo parcial brutal no que non só logrou remontar a súa desvantaxe, senón que saía da segunda ceaboga con tres segundos ao seu favor sobre Meira.
Quedaba a metade da proba, e de aí ata o final, os moañeses reaccionaron e xa comezaron o último longo con seis segundos de vantaxe con Chapela. Cabo pelexou ata o sprint final pola segunda praza, pero quedouse a dous segundos.
Amegrove descolgouse dende o principio na quenda de honra e ao remate do terceiro longo era sétima con peor tempo que tres traiñeiras da primeira serie: Vilaxoán, Mugardos e A Cabana. Os do Grove recuperáronse nun notable último longo e subiron dous postos na táboa, pero non puideron coa embarcación local, que demostrou no seu campo de regatas que non deixan de ir a máis co transcurso da temporada. Mecos-Mondariz rematou na oitava praza.
A Liga Galega de Traíñas chega agora a unha paréntese na competición, que regresará na segunda fin de semana de agosto. Samertolameu (62 puntos) preséntase no treito final da temporada con sete puntos de vantaxe respecto á segunda clasificada, Cabo da Cruz. Terceira é Chapela con 46 puntos, sete máis que Amegrove, que é cuarta. Na zona baixa da clasificación, o colchón de A Cabana respecto a Mecos-Mondariz redúcese a tres puntos.
Ao igual que acontecera horas antes no campo de regatas de Vilaxoán, todas as traiñeiras da Liga Galega de Traíñas gardaron en Mugardos un emocionante minuto de silencio con todas as embarcacións no mar e cos remos levantados ao ceo para homenaxear ás vítimas da traxedia ferroviaria acontecida en Santiago de Compostela.