Bo é un punto ante un rival que chegaba coa bitola de favorito. O Pontevedra competiu e mesmo superou por fases a un Ibiza moi serio, nun partido no que ningún quixo asumir máis riscos dos necesarios e no que ambos os equipos mostraron seriedade e fortaleza defensiva. Aínda con poucas ocasións claras de gol, o certo é que os de Pouso estiveron máis preto do triunfo que o seu rival.
É verdade que son xa seis as xornadas de liga sen alcanzar o triunfo, pero empates como este reforzan a un equipo con armas e perfís distintos que deben servir para iniciar moi pronto unha liña de franco ascenso en busca dun obxectivo, o play-off, afastado pero posible.
Sorprendeu Pouso co seu once inicial ao incluír no mesmo a Álvaro Bustos tras a súa viaxe de "ida e volta" a Polonia, así como a Eneko Zabaleta para ocupar a banda esquerda defensiva, consciente quizais do buraco que os granates tiñan por esa zona, ademais de entregar a titularidade a Rufo. No banco José García e na bancada aínda Adrián Cruz, completando o cuarteto de reforzos (ou máis ben quinteto se contamos a recuperación de Bustos) do mercado invernal, que debe cambiar a cara a un Pontevedra necesitado de volver á senda do triunfo.
Tras uns minutos iniciais de control do xogo e maior intensidade na disputa de cada balón dividido por parte do Ibiza, que lle permitiu as primeiras aproximacións perigosas cun lanzamento de falta de Kike López neutralizado por Edu, o Pontevedra conseguiu nivelar forzas e responder cun lanzamento cruzado de Álex González.
Foi coma se ambas as accións aconsellasen prudencia aos protagonistas, levando ao partido a un terreo de maior igualdade e considerable respecto no que primaba a seguridade defensiva sobre as alegrías ou aventuras atacantes. Así, mentres o Ibiza tiña máis o balón pero non lograba conectar con Rodado nin Raí, o Pontevedra traducía as súas xogadas nunha sucesión de faltas laterais e saques de esquina sen resultado algún ante o escaso acerto dos encargados dos lanzamentos.
Así se consumiu un igualado primeiro tempo, con apenas accións de perigo serio e uns broncos minutos finais ao decidir o Pontevedra nivelar a intensidade nas disputas ao límite do regulamento do seu rival, o que non gustou ao banco visitante, desatado en protestas esaxeradas cando precisamente eles puxeran o listón da esixencia.
Non mellorou o xogo na segunda parte en canto a vistosidade, pero si mantivo e mesmo incrementou a súa intensidade. O Pontevedra foi lixeiramente superior, estivo sempre ben plantado no campo, pero como no primeiro período custoulle crear perigo, o mesmo que ao Ibiza, que unicamente nunha acción individual de Rodado, cun disparo á media volta que saíu cruzado, non inquietou en absoluto a Edu.
Antes, Álvaro Busto tentouno cunha boa xogada individual, pero o remate saíulle excesivamente cruzado. E logo sería Álex González o que dispoñería da mellor ocasión do partido tras recoller un balón solto na frontal da área. Quixo colocar o disparo, pero o balón saíu lamendo o poste.
Ata o final manteríase a intensidade en cada disputa, ata que ambos os equipos decidiron que, como tantas veces coméntase en fútbol, se non podes gañar, non perdas e aplicáronse á lei do mínimo risco á espera dalgunha acción, que non chegou, que puidese desnivelar a balanza.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Jaouad, Zabaleta; Sana, Álex Fernández; Álvaro Bustos (José García, minuto 76), Romay (Adighibe, minuto 84), Álex González; e Rufo.
UD IBIZA (0): Lucas; Fran Grima, Gonzalo, Quintanilla, Pierre; Sibo (Javi Lara, minuto 61), Núñez; Kike López (Pep Caballé, minuto 85), Javi Pérez, Raí (Borja, minuto 69); e Rodado.
Árbitro: David Gálvez Rascón (Madrid), auxiliado nas bandas por Jorge Manzano García e Luís Morona del Campo. Amoestou a Rufo, Nacho López e Adighibe, no Pontevedra, e a Núñez, Sibo, Fran Grima e Gonzalo, no Ibiza.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores. As peñas de Fondo Norte volveron mostrar a súa desconformidade coa composición dos grupos de Segunda División B, exhibindo unha pancarta na que se lía "Proximidade xeográfica?".