Os movementos no persoal do Marín Futsal van a paso de xigante. A última renovación en anunciarse foi a de Marta Gago, que se compromete por "unha tempada máis" co equipo.
"Marta é outra das xogadoras que fixo historia co ascenso e desde o club estamos moi contentos de que continúe en Marín", confirman desde a entidade.
A pesar de non contar con moitas oportunidades durante a primeira tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino, "sabemos que é unha xogadora con talento e estamos seguros de que esta tempada dispoñerá de máis oportunidades para demostralo", explicaron.
A renovación de Marta Gago súmase ás de Inés Mayán, Café, Silvia Aguete, Pau García, María León e Adriana García, e ás incorporacións do técnico Ramiro Díaz e da ex do Burela Ale de Paz.