Marko Dzokic convértese na novena fichaxe do Teucro

Pontevedra
26 de xuño 2019

O primeira liña, fillo do ex-teucrista Goran Dzokic e nado en Pontevedra hai 27 anos, vestirá de azul a próxima tempada. Procede o BM Ikasa madrileño e conta cunha ampla experiencia no balonmán nacional

Marko Dzokic (dereita) no partido entre Teucro e Cajasur Córdoba da tempada 16/17 Diego Torrado

Case tres décadas despois un Dzokic volverá vestir a camiseta da Sociedad Deportiva Teucro.

Marko Dzokic, fillo do ex-teucrista Goran Dzokic e nado en Pontevedra hai 27 anos precisamente pola presenza do seu pai no equipo, converteuse na novena fichaxe dos azuis, inmersos nunha profunda renovación no seu plantel para afrontar o novo reto que se lle presenta na División de Honra Prata.

O primeira liña xogará no Teucro a próxima tempada, procedente do BM Ikasa no que xogou os dous últimos cursos en Prata e tamén na Primeira Nacional.

Dzokic coincidiu por última vez co cadro teucrista na tempada 16/17 cando militaba no Cajasur Córdoba, e conta ademais cunha ampla experiencia tras xogar en equipos como o BM Guadalajara, Puerto Sagunto, RK Železničar Niš e BM Ciudad Encantada.

A súa polivalencia, ao poder actuar tanto en ataque como en defensa, foi un dos motivos de apostar pola súa chegada. Ademais "é un xogador creativo, disciplinado e que dá moito sentido ao xogo ofensivo", sinalou Luís Montes.

Como homenaxe ao seu pai, Marko lucirá no Teucro o dorsal 5 que levou na súa etapa pontevedresa hai case tres décadas.

Con el son xa 13 os xogadores confirmados para a próxima tempada, quedando a un paso de pechar o plantel con Fran Bujalance, Federico Wermbter, Eduardo Salazar, Diego Prada, Vicente Poveda, Cristopher Corneil, Samu Pereiro, Ferrán Cisneros, Andrés Moyano, Lucas Abadía, Jose Andrés Torres, Nemanja Bojicic e o propio Marko Dzokic.