Mario Ortiz convértese na segunda fichaxe do Pontevedra

Pontevedra
23 de xullo 2022

O centrocampista cántabro, de 33 anos, asina por unha tempada polo club granate. Procede do Hércules de Alacante, pasando previamente por equipos como o Racing de Santander, Castellón, Albacete, Cultural Leonesa ou Córdoba, entre outros

Mario Ortiz, na súa visita coa Cultural Leonesa a Pasarón na tempada 16/17 Diego Torrado

Tardou máis do previsto pero o Pontevedra Club de Fútbol xa ten á súa segunda fichaxe estival.

Trátase de Mario Ortiz, centrcampista cántabro de 33 anos de idade que procede do Hércules de Alacante.

Mario é todo un trotamundos do fútbol, cunha ampla experiencia tanto na Segunda División como na Segunda B, aínda que proceda dun equipo de Segunda RFEF como o alacantino no que non puido gozar da continuidade desexada, participando o pasado curso en 14 partidos, só 6 deles de titular.

Previamente pasou por equipos como o Racing de Santander, Castellón, Albacete, Cultural Leonesa ou Córdoba, entre outros.

O seu compromiso co Pontevedra será por unha tempada, ocupando unha das fíchas sénior que aínda estaban dispoñibles.

Desta forma o primeiro plantel granate pasa a estar conformado actualmente por 17 futbolistas, cos gardametas Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés; os defensores Churre, David Soto, Seoane, Samu Araújo e Ángel Bastos; os centrocampistas Mario Ortiz, Miguel Román e Yelko Pino, os extremos Álex González, Oier Calvillo, Alberto Rubio e Martín Diz; e os delantertos Charles, Rufo e Brais Abelenda.

A eles súmaselles o central Derik Osede, que se exercita desde este sábado a proba.