Mario Gómez confía en prolongar o bo momento do Pontevedra CF ante un Torrelavega en alza

Pontevedra
11 de decembro 2024

O central granate agarda que a Ximnástica de Torrelavega chegue a Pasarón cun sistema conservador, pero confía no apoio da afección granate para superar o duelo

Mario Gómez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira Cristina Saiz

O Pontevedra CF afronta o seu próximo compromiso ligueiro contra a Gimnástica de Torrelavega nun momento doce, tras encadear unha semana perfecta con vitorias ante o Salamanca en liga, a histórica clasificación en Copa do Rei ante o Villarreal, e o triunfo a domicilio ante o Laredo.

Mario Gómez, defensa do conxunto granate, analizou o próximo encontro ante un rival que chega nun bo momento: "O Torrelavega experimentou un cambio significativo tras a chegada do novo adestrador. Son o único equipo que conseguiu derrotar ao Numancia e veñen de realizar un gran partido contra o Compostela", sinala o zagueiro granate.

A Gimnástica atravesa un excelente momento de forma, acumulando tres vitorias nos seus últimos cinco encontros.

A súa última saída evidencia a súa melloría: estiveron preto da vitoria en Valladolid, onde ían gañando 2-3 ata o minuto 99 en que o conxunto local lograba empatar. "Melloraron moito a nivel de puntos e virán a Pasarón buscando afastarse dos postos de abaixo", advirte Gómez, que teme que o rival formule un partido difícil, cun sistema conservador.

PASARÓN, FACTOR CLAVE

O defensa granate fai un chamamento á afección para encher Pasarón como no partido de Copa contra o Villarreal: "A cidade só fala do Pontevedra. Sabemos que se están facendo novos abonados e agardamos a máxima afluencia posible este domingo".

O equipo mantén os pés no chan malia a euforia do momento. "Debemos pensar só no partido máis inmediato. Esta mentalidade funcionounos nas últimas semanas e é a idea que nos transmite o corpo técnico", afirmaba o xogador granate.

Mario Gómez, xogador do Pontevedra CFPontevedraViva

ESPERANZA NA COPA

En relación ao sorteo da Copa do Rei que deixa ao Mallorca como rival, o central aseguraba que "todos queriamos o gordo, Barça ou Madrid, pero tocou o Mallorca. É un equipo de Supercopa, que o ano pasado foi finalista. En liga estano facendo moi ben, nos postos altos e con xogadores de primeiro nivel".

"Temos a mesma esperanza que tivemos o día do Levante e do Villarreal. Coa nosa idea de xogo e as nosas calidades aquí en Pasarón, bo, pois, sabemos que llo imos poñer complicado", manifestou Mario Gómez, esperanzado en pasar esa nova eliminatoria contra o Mallorca, partido para o que xa están á venda as entradas con preferencia para socios do club.