A liña defensiva do Arosa suma un novo reforzo. O club presentou este xoves ao vigués Mario García, que chega a Vilagarcía procedente do Coruxo FC.
O defensa, que ten 24 anos, formouse nas categorías inferiores do Val Miñor e estivo dúas tempadas no RC Celta xuvenil. De aí, con 19 anos, deu o salto ao CD Choco, onde militou durante tres tempadas en Terceira División.
Tras un ano no Arenteiro, co que conseguiu o ascenso a Primeira RFEF, a pasada tempada xogou no Coruxo.
É un xogador "con carácter, competitivo, dinámico, agresivo na disputa e recuperación e intenso no xogo" que chega ao Arosa, segundo el destacou, "con moitas ganas, motivación e ilusión para devolver ao Arousa á categoría que merece".
"Creo que podo, a pesar de ser novo, achegar un pouco de experiencia tanto defensiva como ofensivamente", engadiu o xogador vigués, que sostivo que "desde atrás fórmanse os equipos gañadores" para, a partir de aí, "conseguir os obxectivos".
Explicou que "desde a primeira chamada", os responsables do Arosa "expuxéronme un proxecto moi bonito" e depositaron moita confianza nel, polo que "non mo pensei moito" para vestir a camiseta arlequinada a próxima tempada.