Marín Peixe Galego logra o seu primeiro triunfo á conta do Zornotza (76-80)

Marín
18 de outubro 2015

O Marín Peixe Galego necesitaba un triunfo despois de saír derrotado nas dúas primeiras xornadas de liga e conseguiuno, non sen esforzo, á conta dun Zornotza que estivo a piques de dar a volta ao marcador no último cuarto, despois de ir a remolque dos marinenses durante todo o partido

Partido entre o Peixe Galego e o Obradoiro na Copa Galicia de baloncesto Federación Galega de Baloncesto

Non era fácil a saída á localidade vasca de Amorebieta. O Marín Peixe Galego necesitaba un triunfo despois de saír derrotado nas dúas primeiras xornadas de liga e conseguiuno, non sen esforzo, á conta dun Zornotza que estivo a piques de dar a volta ao marcador no último cuarto, despois de ir a remolque dos marinenses durante todo o partido.

Os galegos foron sempre por diante, aínda que no primeiro cuarto custoulles impoñerse (19-20), pero sería no segundo parcial cando conseguiron abrir brecha (21-29) e poñer os cimentos da súa vitoria final, logrando irse ao descanso con nove puntos de vantaxe (40-49).

Gabo Rogers resultou clave co seu acerto no lanzamento exterior (6 de 9 en triplos, para sumar 22 puntos e 15 de valoración).

Á volta de vestiarios, os marinenses ampliaron máis a súa vantaxe no terceiro cuarto (14-17), para entrar no último período con 12 arriba e o partido ben encarrilado. Con todo os vascos non se deron por vencidos e fixeron sufrir ao Peixe Galego, cun 22-14 no parcial final, insuficiente para impedir que os puntos voasen ata Marín.

Consulta aquí as estatísticas completas do partido.