Marín inaugurará a tempada de verán cunha carreira a pé por todas as súas praias

Marín
29 de abril 2022

A primeira edición da Carreira Carmiña celebrarase o 12 de xuño con saída desde a praia de Lapamán e con final no Paseo Alcalde Blanco  

Presentación da primeira edición da Carreira Carmiña en Marín Concello de Marín

A fachada litoral do municipio de Marín será a protagonista da primeira edición da Carreira Carmiña, un evento que suma deporte, turismo e cultura e que pretende fixar unha data no calendario de probas para non perder.

A alcaldesa, María Ramallo e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron xunto ao organizador do evento, Víctor Riobó, esta carreira, que será o 12 de xuño e que xa ten abertas as inscricións

A saída será desde a Praia de Lapamán, pasando por todo o resto de areais do Concello até chegar finalmente ao Paseo Alcalde Blanco, recén reformado e cunha meta que terá unhas vistas privilexiadas á illa de Tambo.

En total, o percorrido terá unha distancia de 10,6 quilómetros e transcurrirá por toda a costa, por riba do mar, con traxectos de terra, asfalto e area de praia, de xeito calculado para facer pasar aos corredores no momento de marea baixa.

Tal e como indicou Riobó, o obxectivo é chegar aos 600 participantes e atraer ata a vila “a persoas de distintos puntos de España, que veñan correr a Marín e a gozar dunha fin de semana en Galicia”.

A alcaldesa quixo animar a todas as persoas amantes do deporte a anotarse a este evento, “que estamos convencidos que será unha cita ineludible para coñecer dun xeito diferente a nosa contorna, a nosa paisaxe”.