Marcos Del Río, nomeado director xeral do Pontevedra CF: "Lo principal es volver a acercar el club a la ciudad"

Pontevedra
16 de xullo 2021

As súas funcións, sinala o club granate, serán a coordinación xeral do club, fóra da parcela deportiva, con especial fincapé na comunicación, o márketing, a relación coa masa social e os patrocinadores e a xestión de novos recursos

Marcos Del Río, director xeral do Pontevedra CF, no Estadio Municipal de Pasarón Pontevedra Club de Fútbol

O Pontevedra Club de Fútbol engadiu unha nova peza á súa estrutura como entidade, ao confirmar este venres ao home que actuará como o seu novo director xeral.

Trátase de Marcos Del Río, licenciado en xornalismo e especializado en márketing e comunicación. Esas serán algunhas das súas funcións na casa granate, todas relacionadas coa coordinación xeral do club, fóra da parcela deportiva, pero con especial atención á citada comunicación e márketing e tamén á relación coa masa social e os patrocinadores e a xestión de novos recursos.

"Lo principal es volver a acercar el club a la ciudad, a los pontevedreses", sinala como o seu principal obxectivo o pontevedrés, que xa se incorporou no día a día da entidade empezando coa elaboración da próxima campaña de abonados.

"Vamos a hacer una campaña de socios que pueda volver a reactivar esa relación", sinala en relación á afección, coa idea ademais de "centrarnos en acercar el Pontevedra a la comarca".

Tras uns inicios relacionados coa prensa deportiva e na xefatura de prensa dun club de baloncesto, Marcos Del Río traballou máis recentemente como responsable de activación de patrocinios deportivos na compañía Libertex, relacionada con equipos como o Valencia CF, Getafe CF,  Tottenham Hotspur, Newcastle United ou SS Lazio.

Segundo explica o Pontevedra, esta incorporación é "un paso máis cara á reestruturación dos estamentos organizativos do club" iniciada coa chegada de Toni Otero á dirección deportiva.