Manuel Ojea, deportista "mentres o corpo aguante"

Pontevedra
29 de outubro 2018

O veterano deportista, que vén de proclamarse en Eivissa campión europeo de dúatlon no seu grupo de idade, foi recibido este luns polo alcalde de Pontevedra e a concelleira de Deportes, quenes o consideran "un exemplo de actividade deportiva"

Miguel Anxo Fernández Lores e Anxos Riveiro reciben o triatleta Manuel Ojea PontevedraViva

O seu é o exemplo dun deportista inesgotable, e todo "un exemplo de actividade deportiva" para a cidade. Así definiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a Manuel Ojea, que vén de proclamarse en Eivissa campión europeo de dúatlon no seu grupo de idade (55-59 anos).

Ojea foi obxecto este luns dunha recepción oficial por parte do alcalde e a concelleira de Deportes, Anxos  Riveiro, tras os seus bos resultados nos campionatos europeos multideporte celebrados durante a última semana. En Eivissa este pontevedrés non só se proclamou campión no dúatlon, senón que logrou dúas medallas máis ao concluír segundo na modalidade de cros e terceiro na distancia sprint de dúatlon.

"O segredo e levantarse ás 6:30 da mañá e adestrar todos os días", explicou tras o encontro. Algo que por amor ao deporte fará " mentres o corpo aguante", recoñeceu.

A piques de cumprir os 60 anos, o que lle fará cambiar de grupo de idade, Manuel Ojea pensa xa no Festival Multideporte cos mundiais de tríatlon que acollerá Pontevedra en 2019, unha cita que "motívame moito" e na que se a normativa llo permite, xa que non se pode competir en dúas probas con menos de 36 horas de diferenza, participará nos campionatos do Mundo de dúatlon e de dúatlon sprint, nos que tentará repetir o éxito de 2014 na súa cidade cando subiu todo o máis alto do podio noutro mundial.

"Tiñamos unha débeda histórica con el", sinalou Lores para xustificar o merecido recibimento e declarando sentirse "orgulloso" do logrado por este veterano deportista "que leva o nome de Pontevedra" alá onde compite.