Manu Cossío, satisfeito polo papel do Poio Pescamar na final de Copa: "Hai que seguir por este camiño"

Poio
20 de decembro 2020

O técnico do conxunto conserveiro mostrouse orgulloso este domingo do traballo das súas xogadoras na final da Copa da Raíña, na que plantaron cara ao poderoso Burela: "Fixemos un bo partido e perdemos contra as mellores pelexando ata o último segundo"  

Rolda de prensa de Manu Cossío tras a final da Copa da Raíña RFEF

O soño de levantar a Copa da Raíña non foi posible para o Poio Pescamar, ao perder pola mínima na final ante o gran favorito, o Burela (1-0). Con todo o seu adestrador, Manu Cossío, mostrouse orgulloso en rolda de prensa polo papel desempeñado polas súas xogadoras na fase final da competición celebrada esta fin de semana en Málaga.

"Non nos deu para gañar pero creo que fixemos un bo partido e perdemos contra as mellores pelexando ata o último segundo", defendeu o técnico pontevedrés. "A balanza caeu a favor do Burela, que é un súper equipo e doulle o parabén", sinalou.

Cossío analizou o que deu de si a gran final, recoñecendo que "na primeira parte non estivemos o ben que tiñamos que estar nalgunhas situacións de xogo, sobre todo non xestionamos o tema das faltas e comentaramos que neses detalles podíase decidir o partido", explicou sobre o sucedido. Máis conforme mostrouse co ofrecido polo Poio na segunda metade na que "demos un paso adiante e creo que merecemos algo máis. Burela apenas nos chegou e estamos a falar do equipo de maior potencial ofensivo da liga".

O importante para o adestrador, e así llo transmitiu ás súas xogadoras, é que "fose o resultado que fóra tiñamos que ser nós. Non nos podiamos ir de aquí coa sensación de que non foramos nós mesmas".

Conseguido iso "hai que seguir por este camiño", defendeu o adestrador conserveiro porque "é verdade que hoxe tropezamos pero temos que darlle continuidade ao que facemos no día a día. Díxenlles que hoxe toca estar fastidiadas, o que eran bágoas de felicidade o venres hoxe son de tristeza, o deporte é así, pero a partir do mércores xa temos desquite e empezamos unha nova competición da Copa da Raíña", concluíu o máximo responsable deportivo do Poio Pescamar.