Manu Cossío non seguirá á fronte do Poio Pescamar

Poio
18 de xuño 2022

O técnico chegou ao club en marzo de 2020 e non puido debutar no momento de asinar pola cancelación da liga pola crise sanitaria, pero unha vez pasado ese tramo, o Poio viviu con el "dous anos nos que logramos superar novas barreiras no noso crecemento dentro do fútbol sala español"

Lucía Paz (esquerda) no partido entre Poio Pescamar e Marín Futsal na Seca Cristina Saiz

A confeccion do Poio Pescamar para a próxima tempada empezou por mover ficha no banco, despedíndose do que foi o seu adestrador durante pouco máis de dous anos: Manu Cossío.

O técnico chegou ao club en marzo de 2020 e non puido debutar no momento de asinar pola cancelación da liga pola crise sanitaria, pero unha vez pasado ese tramo, o Poio viviu con el "dous anos nos que logramos superar novas barreiras no noso crecemento dentro do fútbol sala español".

Con el, o conxunto vermello rozou a gloria caendo na final da Copa da Raíña da campaña 2020/2021 e na Supercopa de España celebrada en Burela, tempada que se pechou co equipo quedando fóra da final a oito na Copa e quintas en liga a só un punto do cuarto posto.

Xa na última campaña como adestrador do Poio Pescamar, o equipo volveu quedar eliminado da Copa da Raíña nos oitavos de final e repetiu o quinto posto en liga, outra vez a un punto das cuartas. Con todo, o punto doce púxoo a consecución da terceira Copa Galicia o pasado mes de maio no pavillón da Raña contra o Ourense Envialia.

Segundo informou o club vermello, foi unha "decisión complicada" que "fai que nos custe separar os nosos camiños", e desexan a Manu Cossío "toda a sorte" nos seus futuros proxectos.