Mal partido e pobre empate do Pontevedra (1-1) fronte a un Barbadás que foi mellor

05 de abril 2015

Se a primeira parte realizada polo equipo local non pode catalogarse de satisfactoria, o visto na segunda estivo a anos luz do que cabe esixilo a un equipo como o granate, que se deixou superar en algo pouco frecuente como é a concentración e intensidade coa que se debe disputar un partido. Bruno resulta lesionado con fractura dos ósos do nariz nun choque co seu compañeiro Campillo

Jorge consegue con este remate o primeiro gol do Pontevedra sobre o Barbadás en Pasarón Diego Torrado

Mal partido do Pontevedra, que deixou escapar dous puntos fronte a un Barbadás con numerosas baixas, pero que soubo aproveitarse dunha pésima segunda parte dos granates para levarse un empate máis que merecido.

Se a primeira parte realizada polo equipo local non pode catalogarse de satisfactoria, o visto na segunda estivo a anos luz do que cabe esixilo a un equipo como o granate, que se deixou superar en algo pouco frecuente como é a concentración e intensidade coa que se debe disputar un partido.

Porque esa foi a clave. O Barbadás foi inferior no primeiro tempo, pero medrou no segundo e recibiu o xusto premio á súa fe e ambición, ante un Pontevedra que careceu de dirección e case nin creou perigo ante a meta rival.

Luisito apostou de saída por un equipo con clara vocación ofensiva, confiando as bandas a dous laterais de longo recorrido, ao situar nesa posición a Tubo pola dereita e Anxo pola esquerda, deixando que Jacobo e Mouriño partisen de fóra cara a dentro para xerar superioridade na zona ancha e facerse co control da pelota, en previsión de encontrarse, como así foi, un rival abastecido atrás.

Pero o primeiro susto chegaba para o Pontevedra e facíao en forma de lesión, obrigando a cambiar a formulación inicial. Era o minuto 13 cando unha falta de entendemento entre Bruno e Campillo ao intentar un ceder ao porteiro e o outro despexar, remata cos dous centrais contusionados, cunha brecha nas súas cabezas. Campillo volvería ao campo cunha aparatosa vendaxe, pero Bruno levábase a peor parte, resultando con fractura dos ósos do nariz, sendo substituído rapidamente por Adrián.

O técnico local resolve a situación cambiando a disposición táctica do seu equipo, para pasar a xogar cun 4-2-3-1, atrasando a Kevin Presa ao posto de central, para deixar a Pablo Carnero por detrás de Jorge en ataque, con Mouriño como organizador. Pero o incidente non sentou ben ao Pontevedra, que dominaba pero non chegaba con perigo, aínda que tampouco pasaba apuros.

Dese modo, a primeira ocasión seria tardaría case media hora en chegar. Fíxoo a través das botas de Pablo Carnero (minuto 26). Berto, en dous tempos, conseguiu neutralizar o perigoso disparo.

Coma se fose o sinal que necesitaban os locais, cinco minutos máis tarde Jorge abría o marcador. Fíxoo tras unha falta lateral que botou Mouriño. Berto mide mal no salto e non chega ao balón, o que aproveita o dianteiro granate para rematar totalmente só no segundo pau.

Logo Nacho Currás toca o xusto para evitar o remate franco de Campillo, de cabeza, que se vai por enriba do longueiro e Jorge tamén remata alto, en posición moi forzada, un centro de Jacobo. Foi todo o que deu de si unha primeira parte na que o Barbadás se limitou a defenderse a mercé do que puidese facer o Pontevedra.

Pero os comezos da segunda parte presentaron un escenario radicalmente distinto. O Barbadás aproveitou a relaxación e falta de intensidade con que regresaron os granates ao campo para apoderarse do balón. Deron un primeiro aviso (minuto 47) cun lanzamento de falta a cargo de Luis, que se foi ao longueiro, para obter froito pouco despois (minuto 50), cun pase cruzado de Jaime que baixa con calidade Isi para cruzar o balón por raso logrando o empate.

Non rematou aquí o despiste granate, que seguiu permitindo que o seu rival crecese. Intentouno Alfredo de lonxe, respondendo Edu. O Pontevedra dominaba, pero ese dominio era máis aparente que real, sen profundidade nin perigo, tanto que o Pontevedra non disparou unha soa vez a porta entre os tres paus. Fíxoo Álvaro Muñiz (minuto 86), sen problemas para Berto.

O Barbadás, co depósito baleiro, cidía terreo, pero seguía aguantando sen maiores problemas, non tanto polo seu xogo, senón pola pobre actuación dun Pontevedra partido e lonxe da súa mellor versión. Os ourensanos remataron rotos e tendidos no chan, pero leváronse un máis que merecido punto que os achega ao seu obxectivo da permanencia.

PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Tubo (0), Campillo (2), Bruno (s.c.), Anxo (2); Mouriño (1), Kevin Presa (2), Álvaro Muñiz (1), Jacobo (0); Pablo Carnero (0) e Jorge (1).

Substitucións: Adrián (1) por Bruno, minuto 13. Fran Fandiño (1) por Tubo, minuto 60. Benja (1) por Jacobo, minuto 70.

UD BARBADÁS (1): Berto (1); Oli (1), Yago (2), Vieytes (2), Senén (1); Nacho Currás (2), Luis (2); Isi (2), Alfredo (3), Jaime (2); e Hugo (2).

Substitucións: Rubén Arce (1) por Jaime, minuto 64. Lamelas (s.c.) por Isi, minuto 82. Jorge (s.c.) por Alfredo, minuto 93.

Árbitro: David Novás Benavides (Vigo), que substituíu a última hora o colexiado inicialmente designado, Pablo Álvarez Calderón, por indisposición deste, auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e David Martínez Barciela. Amoestou a Mouriño e Benja, polo Pontevedra, e a Alfredo, Rubén Arce e Nacho Currás, polo Barbadás.

Goles: (1-0) Minuto 31: Jorge. (1-1) Minuto 50: Isi.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores.