Mal partido do Arosa en Viveiro (3-1)

O Salnés
06 de novembro 2022

Derrota do Arosa no partido disputado na matinal deste domingo ante o Viveiro. Os de Luisito adiantáronse cun gol temperán de Borja Míguez de penalti pero viuse condenado por perdas de balón en campo propio que o cadro local transformou

Partido entre Viveiro e Arosa Arosa SC

Derrota do Arosa no partido disputado na matinal deste domingo ante o Viveiro. Os de Luisito adiantáronse cun gol temperán de Borja Míguez de penalti pero viuse condenado por perdas de balón en campo propio que o cadro local transformou (3-1).

De penalti abriu a lata o conxunto arlequinado, por mediación de Borja Míguez de penalti no minuto 8 de xogo.

Pero a pesar do xogo directo e das intencións de atopar o segundo gol, o Arosa viuse penalizado co empate do Viveiro, que non tardou demasiado en chegar. Iker Hurtado aproveitou un balón que quedou solto na área tras unha falta lateral e non dubidou en enchufarlo na portería de Manu Táboas, facendo o 1-1 co que se alcanzou o descanso.

Despois do paso polos vestiarios, a pesar de saír con ganas de conseguir a vitoria, o conxunto de Vilagarcía viuse penalizado á hora de saír co balón e viu como os locais tomaban vantaxe no luminoso por primeira vez no encontro grazas ao gol de Sergio Otero no minuto 54.

Moveu ficha Luisito en busca dun empate que non chegaba, pero aos seus xogadores custáballes xerar perigo en área rival.

Foron pasando os minutos e parecía que o partido acabaría así, pero Sergio Otero, xa no desconto, aproveitou outro roubo na saída de balón rival e enchufou o 3-1 co que sentenciou ao Arosa, que perdeu a Julio Rey por lesión tras sufrir un forte golpe na coxa ao fío da primeira metade.