Máis que tres puntos en xogo no derbi entre Arosa e Pontevedra

Pontevedra
11 de abril 2015

Os locais necesitan gañar para seguir na loita polo play-off, xa que de non sumar poderían afastarse mesmo ata a seis puntos, a falta de só cinco xornadas. O Pontevedra buscará a clasificación matemática, ao mesmo tempo que manter a diferenza no primeiro posto con respecto ao que agora mesmo se antolla como o único equipo que pode disputarlle o liderado, como é o Deportivo B

Jorge consegue con este remate o gol da vitoria do Pontevedra sobre o Arosa en Pasarón Diego Torrado

Como xa sucedera no partido disputado entre ambos os dous na primeira volta, de novo o derbi entre Arosa e Pontevedra chega con baixas e dúbidas en ambos os dous equipos, debido ao estado físico de varios dos xogadores dun e outro bando. Piscis e Luisito deberán solucionar as súas dúbidas na confección dos onces iniciais, conscientes de que nesta ocasión son máis que tres puntos o que esta en xogo na Lomba (domingo, 17:30 horas).

Por parte arlequinada, Vixo é baixa segura, mentres Rivas e Yago son seria dúbida, o mesmo que Nando, que volveu sentir molestias nun pé no partido de copa disputado o martes na Illa. Ademais, Alfonso, aínda que xa está recuperado, carece do ritmo competitivo necesario para un partido que se presume será de alta intensidade na disputa de cada balón. E menos mál que os problemas de Piscis se viron aliviados ao deixar sen efecto a xuíza única de competición a tarxeta vermella que viu Martín en Cerceda o pasado domingo.

Algo parecido é o que lle sucede a Luisito. Con Capi e Pedro García nunha situación similar á do arosista Alfonso, o técnico de Teo moi probablemente deba anticipar a volta do primeiro ao once ante a baixa segura de Bruno, con fractura de ósos do nariz, e a dúbida que xera o estado de Campillo, fortemente contusionado no golpe recibido co seu compañeiro, fronte ao Barbadás, o que deixa aos granates con Pablo para o posto de defensa central, e a obriga de arriscar con Capi ou Campillo, ou ben atrasar á devandita posición a Kevin Presa, o que daría opcións de reaparecer ao citado Pedro García como pivote defensivo.

Se na primeira volta en Pasarón o partido foi vibrante e eléctrico, con remontada granate pero un grande Arosa, especialmente na primeira parte, a situación na que chegan agora mesmo na clasificación ambos os dous conxuntos ao choque, dá unha maior transcendencia aos puntos en disputa.

O Arosa necesita gañar para seguir na loita polo cuarto posto, mentres os granates buscan a clasificación matemática

Os locais necesitan gañar para seguir na loita polo play-off, xa que de non sumar poderían afastarse mesmo ata a seis puntos, a falta de só cinco xornadas.

O Pontevedra buscará a clasificación matemática, ao mesmo tempo que manter a diferenza no primeiro posto con respecto ao que agora mesmo se antolla como o único equipo que pode disputarlle o liderado, como é o Deportivo B.

En calquera caso, será unha xornada apaixonante, xa que ademais deste Arosa-Pontevedra estarán en xogo partidos entre equipos que loitan polo mesmo obxectivo, como é o caso do Choco-Cerceda e do Rápido de Bouzas-Alondras, ademais dun Laracha-Deportivo B, que pode resultar incómodo para o filial deportivista.

A dirección arbitral estará a cargo do colexiado Alexandre López Vila (A Coruña), auxiliado nas bandas por Fabián Blanco Rodríguez e Bernardo Domínguez Manteiga.

Se o ambiente está garantido nas bancadas da Lomba, que rexistrarán sen dúbida a mellor entrada da tempada, como xa sucedese o pasado ano cun elevado número de seguidores de ambos os dous equipos, a preocupación é o estado do terreo de xogo, xa que o cesped do estadio arosista está a ser un dos principais inimigos tanto dos locais coma dos equipos que os visitan.

Piscis non dubida da importancia dos puntos: "Tenemos necesidad de sumar los tres puntos para seguir instalados ahí arriba. Claro que, pase lo que pase, aún queda un pequeño margen de error, pero a nosotros si ganamos nos daría un plus importante, especialmente después de hacerlo en Cerceda, para creer en nosotros mismos y en nuestras posibilidades de meternos entre los cuatro primeros".

Luisito tamén sabe que se encontrará un rival moi motivado no campo. El mellor que ninguén, polo seu pasado arosista, coñece o que significan os partidos entre estes dous equipos, por iso non deixou de insistir aos seus xogadores en que deben saír moi concentrados xa dende o mesmo quentamento. E precisamente para manter esa concentración, ou quizais para non dar pistas ao rival, o técnico de Teo decidiu levarse a Vilagarcía a todos os seus homes, deixando os descartes para o vestiario da Lomba.

DESPRAZAMENTO DE AFECCIONADOS

Aínda que a proximidade con Vilagarcía fará que sexan maioría os afeccionados que viaxen polos seus propios medios, a peña Mocidade Granate organiza unha viaxe para aqueles seguidores que desexen facelo en autobús. As persoas interesadas poderán inscribirse chamando ao teléfono de contacto da Peña: 646123241. O custo da viaxe será de cinco euros por persoa, e a saída do autobús está prevista para as 16:00 horas do domingo, dende o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.