Máis de medio milleiro de participantes correrán na Milla Solidaria pola Diabetes no CGTD

Pontevedra
08 de novembro 2023

A Milla Solidaria - Móvete pola Diabetes terá lugar durante a mañá deste domingo 12 de novembro, a partir das 10:30 horas, nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, organizada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia)

Presentación da X Milla Solidaria - Móvete pola Diabetes organizada por Anedia Mónica Patxot

A X Milla Solidaria - Móvete pola Diabetes terá lugar durante a mañá deste domingo 12 de novembro, a partir das 10:30 horas, nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Organizada por Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia), a xornada contará con probas populares para todas as idades e tamén probas para atletas federados. 

Na presentación do evento estiveron presentes a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, a presidenta de Anedia, María José Rego, e o presidente e vicepresidenta do Club Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez e Andrea Garrido, encargado da parte técnica. 

Méndez informaba de que xa están contabilizadas máis de 500 inscricións, entre atletas federados e populares. "Haberá moitos corredores, sobre todo nenos e nenas de toda Galicia". 

A idea inicial era arrancar as probas na contorna da Alameda de Pontevedra, pero as estruturas instaladas na avenida de Montero Ríos para acoller ao alumnado do Instituto Valle Inclán durante as obras no centro obrigaron a cambiar o emprazamento da Milla Solidaria.

A edil de Deportes destacaba a importancia de "ver como dúas asociacións como Anedia e o Club Rías Baixas hibridan e poñen sobre a mesa cuestións básicas, visibilizando unha doenza que se ben é coñecida temos que seguir aprendendo e entendéndoa".

María José Rego agradeceulle ao Concello de Pontevedra a súa implicación, lembrando que a diabetes continúa a ser "unha gran descoñecida" que "ten consecuencias en todos os eidos da vida". Por iso é necesario visibilizar esta doenza, que rexistra "un 10% de crecemento anual na diabetes tipo 1 e na 2 moito maior", afirmou.  

GUSTAVO DACAL

O Club de Atletismo Rías Baixas quixo agradecer á asociación Anedia que lle permitise, aproveitando o ambiente que se vai vivir no CGTD este domingo, que o atleta Gustavo Dacal poida facer o seu debut no lanzamento de xavelina adaptada en paralelo ao transcurso das probas da Milla Solidaria.

O paratleta de Ponte Caldelas tentará bater o récord de España adaptado no mesmo lugar no que vinte anos atrás acadara o récord de España en categoría absoluta.