Máis de medio ano sen un triunfo lonxe de Pasarón

Pontevedra
18 de setembro 2024

Van aínda tres xornadas de liga e queda moita marxe para a mellora, pero o Pontevedra Club de Fútbol ten deberes a domicilio se quere aspirar ao máis alto, e é que os de Yago Iglesias acumulan entre o final do curso pasado e o inicio do actual (verán polo medio) máis de seis meses sen gañar lonxe de Pasarón

Chiqui, no partido de liga entre Pontevedra e Valladolid Promesas en Pasarón Cristina Saiz

Transcorreron soamente tres xornadas de liga e queda moita marxe para a mellora, pero o Pontevedra Club de Fútbol ten deberes se quere aspirar ao máis alto, sobre todo cando actúa lonxe dos seus, do Estadio Municipal de Pasarón.

É un novo curso e o contador debe poñerse a cero, pero ante o inicio de competición con dúas xornadas consecutivas fóra da casa fronte a rivais de entidade e cos resultados que se conseguiron (empate e derrota), faise inevitable mirar cara ao sucedido a tempada pasada.

Non comezou da mellor maneira como visitante o cadro granate, agrandando unha bóla que segue a crecer desde o pasado mes de marzo. O ascenso escapóuselle aos de Yago Iglesias, entre outras cousas, polo seu rendemento a domicilio, xa que acumulan máis de seis meses (verán por medio) sen vencer lonxe de Pasarón.

Son datos certamente curiosos, xa que o Pontevedra finalizou a liga regular como mellor visitante do seu grupo con 28 puntos (igualado con Zamora e por 27 do Ourense CF), cedendo unha soa derrota (en Covadonga na xornada 13) e con 10 empates e 6 triunfos. Con todo os mellores resultados chegaron no inicio de curso, xa que a última vitoria fóra produciuse o 3 de marzo no feudo do Real Oviedo Vetusta (2-3).

Desde entón chegaron catro empates consecutivos no peche da tempada regular e senllas derrotas nos partidos de ida do Play-off contra Deportivo Aragón e Betis Deportivo. A iso súmase esta nova campaña o empate no Vero Boquete e a derrota en Soria. En total, cinco empates e tres derrotas.

Outro dato preocupante é o número de goles encaixados nestas dúas saídas consecutivas, catro, sobre todo por ser un aspecto no que o técnico Yago Iglesias facía hincampié no verán. "O que queremos este ano é dar un paso adiante niso, ser un equipo máis agresivo, que sexa capaz de estar 90 minuto apertando en campo contario e o maior tempo posible lonxe da nosa portería", sinalaba tras o Trofeo Luis Otero contra o Lugo.

Un camiño ao que debe regresar para repoñerse do mazazo contra o Numancia, mellorar sensacións e engancharse de novo á pelexa. O bo é que chega agora un encontro en Pasarón, ante o RC Deportivo Fabril, que debe servir para empezar a recuperarse. Tras ese duelo o calendario depara o próximo mes de competición encontros contra o Langreo (fóra), Marino de Luanco (casa), Escobedo (fóra) e Rayo Cantabria (casa). Un escenario para a reacción.