Máis de 40 barcos percorren a ría de Pontevedra no estreno da sétima Regata Interclubes

Sanxenxo
28 de febreiro 2021

Regresaron as regatas á ría de Pontevedra. Despois de aprazarse as dúas primeiras etapas pola pandemia do covid-19, foi este sábado cando se retomou a competición con máis de 40 barcos que percorreron a ría para celebrar a sétima Regata Interclubes desde o Club Náutico de Portonovo

O Ziralla na sétima Regata Interclubes Ría de Pontevedra

Regresaron as regatas á ría de Pontevedra. Despois de aprazarse as dúas primeiras etapas pola pandemia do covid-19, foi este sábado cando se retomou a competición con máis de 40 barcos que percorreron a ría para celebrar a sétima Regata Interclubes desde o Club Náutico de Portonovo.

Ao redor das 14:30 o Comité de Regatas deu o bocinazo de saída para a frota das clases 1 ata a 4. Por diante tiveron un percorrido de seis millas e media para chegar ata a baliza de desmarque desde onde puxeron rumbo ao faro da Mourisca e á baliza de Morrazán, antes de regresar e cruzar a liña de chegada fronte ao Náutico de Portonovo. 

Dez minutos máis tarde saíron os Clásicos, Veteranos e A Dos, que percorreron cinco millas con ida e volta ata o faro da Mourisca.

O vencedor de Clase 1 foi o Juancamaría de Juan Carlos Pérez Olmedo (Náutico León) cunha vantaxe de máis de tres minutos sobre o segundo clasificado, o Orión de Javier Pérez (MRCY Baiona). Terceiro foi o Ziralla Primeiro de Ramón Barreiro (RO Yachts Club).

A Clase 2 estivo máis apertada. O vencedor foi o Squid 2 de Franciso Lusquiños (CN Portonovo) con 28 segundos de vantaxe sobre o Vagalume de Luís Vidal. O Mar de Frades Cruceros Pelegrin de Joaquín Carneiro (RO Yachts Club) chegou terceiro.

O Youkounkoun de Adolfo Castro ( CN Portonovo) foi o vencedor en Clase 3 cunha vantaxe de máis de oito minutos sobre o Aguieira I de Celestino Campelo (RCM Aguete). En terceira posición chegou o Trotto de Ernesto Smyth Chamosa (CN Beluso).

Na Clase 4 o primeiro foi o Orlando de Gerardo Sánchez (CN Boiro), segundo chegou o Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo (CN Beluso) e terceiro Travesío La Riviere Conservas (RCN Sanxenxo).

En Clase Solitarios e A Dos, o Maral IV de Roberto de la Puente (CN Portonovo) ocupa a primeira posición da xeral. Por detrás séguenlle en segunda posición o Samoa de Simón Bernárdez (RCM Aguete) e o terceiro posto ocúpao o Teixo de Fernando González.

Finalmente, o Cassandra de Javier Pazó (CN Portonovo) é o primeiro líder da Clase Veteranos e Clásicos. A segunda posición ocúpaa o Peregrina-Cobre San Rafael de Carlos Núñez (CN Portonovo) e terceiro vai o Hola de Antero J. Rodríguez (RO Yachts Club).

A próxima cita da 7ª Regata Interclubes Ría de Pontevedra celebrarase o vindeiro sábado día 6 de marzo baixo a organización do Club Náutico de Beluso.