Máis de 350 persoas van velar para que todo saia perfecto no Campionato Nacional de Tríatlon

Pontevedra
23 de agosto 2018

Os hoteis da cidade e da contorna rexistran unha ocupación que supera o 95%, en gran parte derivada dos máis de 375 triatletas que participarán esta fin de semana na competición deportiva

Percorrido do Campionato Nacional de Tríatlon de Longa Distancia Concello de Pontevedra

Todo está preparado para un dos acontecementos deportivos do ano en Pontevedra. Esta fin de semana celébrase o Campionato Nacional de Tríatlon de Longa Distancia en Pontevedra e o Tríatlon Cros Concello de Pontevedra, unha cita que, en colaboración co turismo propio do mes de agosto, xa provocou unha ocupación hostaleira que supera o 95% tanto nos hoteis da cidade como da contorna, segundo afirmaba Paula Lourido, presidenta do sector hostaleiro de Pontevedra. 

Un dos representantes da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, afirmaba durante a presentación do evento este xoves que a el lle resultou imposible atopar unha habitación na cidade durante as últimas horas. Moitos dos triatletas xa se atopan hospedados. 275 participarán na proba de longa distancia do sábado mentres que 102 están inscritos na Tríatlon Cros. 

Por parte da organización, máis de 350 persoas, 180 delas voluntarias, estarán pendentes tanto da seguridade como do bo desenvolvemento das probas. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; Óscar Surís, presidente da Federación Galega de Tríatlon e Jesús López, director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva explicaban este xoves que o percorrido de 116 quilómetros a bicicleta que se realizan en tres voltas leva máis complicacións pola impermeabilización que se precisa do circuíto e a necesidade de diversos recursos. A este percorrido súmanse 3.000 metros de natación e 30 quilómetros de carreira a pé. Os condutores deberán ter en conta o operativo de tráfico previsto para estes días.

Jorge García sinalou tamén que este campionato é unha proba para o Campionato do Mundo Multideporte que acollerá Pontevedra en 2019 ao tratarse dun acontecemento deportivo complexo por tempo, loxística e cortes de estrada. Este test permitirá, segundo apuntou o representante da Federación española, chegar o ano que vén nas mellores condicións para as probas mundiais, unha cita que, segundo Óscar Surís, será o evento máis importante organizado na historia do Tríatlon en España.