Máis de 250 corredores participaron na carreira de orientación urbana en Caldas de Reis

Umia
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O vindeiro 6 de abril terá lugar a carreira de bosque, na que os participantes terán que localizar as balizas nos montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa

Primeira carreira de orientación urbana celebrada polo Concello de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

"Grandísima participación e moi bo ambiente", así resume o tenente de alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña o resultado da primeira carreira de orientación urbana celebrada polo Concello de Caldas de Reis este domingo. 

Foron máis de 250 persoas as que tomaron parte da iniciativa, tanto de maneira individual como en grupos, con moitas familias enteiras con nais, pais e crianzas -incluso algún avó-, que percorreron a vila buscando as balizas para completar o mapa urbano sendo os máis rápidos.

Manuel Fariña fala dun "éxito rotundo" e fai unha valoración "moi positiva" que leva o goberno local a estudar incorporar este tipo de probas -de balde e destinadas a todos os públicos- no calendario deportivo da vila termal de maneira estable en vindeiros exercicios.

Polo de pronto, o vindeiro sábado 6 de abril entre as 15 e as 20 horas, haberá outra cita semellante, pero nesa ocasión o percorrido será máis natural, seguindo un mapa de bosque sobre o que as persoas participantes terán que identificar puntos nos montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa.

A inscrición está aberta e xa hai moitas prazas cubertas, polo que dende o Concello e a empresa Xesta Natureza organización estase a barallar ampliar a dimensión da proba de ser necesario. Ao igual que na carreira urbana, as persoas que queiran participar poden facer a inscrición (ata 4 participantes por equipo), nas categorías ‘xestiñas’, para crianzas, sendo unha proba sinxela física e tecnicamente, de menos de 3 quilómetros en total; ‘xestas’, unha categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros en total; e ‘xesteiras’, para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto (de máis de 5 quilómetros en total).

As saídas serán graduais no tempo, non saíndo en ningún momento dúas persoas ou equipos no mesmo minuto. Facilitarase unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas, debendo completar o percorrido en orde dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba pódense consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa. 

Manuel Fariña subliña a satisfacción de que tanto a veciñanza de Caldas como xente doutras localidades atraída por estas iniciativas organizadas polo Concello participe nunha actividade novidosa e saudable como é a orientación.