Máis de 150 equipos da comarca beneficiaranse da subvención da Deputación

Pontevedra
19 de xullo 2020

O importe total destas subvencións repártese en dúas partidas. A primeira, de 575.000 euros, ten como destinatarios a 566 clubs de deporte federado de ámbito inferior a nacional. Os 100.000 euros restantes repartiranse entre 14 clubs de rexional preferente

Carmela Silva, presidenta da Deputación

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das achegas deportivas que este ano se incrementan ata os 675.000 euros e que beneficiarán a equipos de 57 concellos.

"Cremos que o deporte é un ámbito fundamental que as administracións públicas teñen que apoiar", afirmou este venres Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, con motivo da aprobación pola Xunta de Goberno da concesión das axudas para clubs deportivos que participen en competicións federadas de ámbito inferior a nacional para o ano 2020. Este investimento ascende a 675.000 euros, 25.000 máis que o ano pasado, e permitirán beneficiarse a 580 clubs deportivos sen ánimo de lucro de 57 concellos da provincia.

O importe total destas subvencións repártese en dúas partidas. A primeira, de 575.000 euros, ten como destinatarios a 566 clubs de deporte federado de ámbito inferior a nacional. Os 100.000 euros restantes repartiranse entre 14 clubs de rexional preferente. "Estamos a falar dun investimento moi relevante", explicou Carmela Silva, "significa que seguimos apostando polo deporte e que aumentamos a financiación este ano, incluso cando a COVID-19 parou moitas competicións".

Na comarca de Pontevedra, 71 clubs accederán a estas axudas, e contarán cun orzamento de 74.420,26 euros; no Salnés, o investimento é de 122.309,36 euros para 82 clubs, mentres que á comarca de Vigo, que integra 244 clubs beneficiarios, irá un investimento de 270.907,29 euros, dos cales 158.201,25 euros irán destinados a 142 clubs da cidade viguesa. Pola súa banda, no Morrazo, 56.202,48 euros irán destinados a 40 clubs, mentres que no Condado-Paradanta 39 clubs se verán beneficiados con estas subvencións, cuxa inversión ascenderá a 56.536,26 euros. Outros 59 clubs do Deza-Tabeirós recibirán 51.831,64 euros, mentres que 45 clubs do Baixo Miño se beneficiarán de 42.792,71 euros.

Estes clubs pertencen a 70 disciplinas e deportes, polo que estas axudas abranguen dende o fútbol ata os bolos celtas pasando pola loita olímpica, o taekwondo, o salvamento, o ciclismo, o billar, a ximnasia rítmica, o baloncesto, o tenis, o voleibol, o xadrez, o atletismo, a hípica ou a petanca. Entre as entidades beneficiarias tamén se atopan clubs de deporte adaptado e clubs femininos.

As concesións das axudas se reparten por un réxime de concorrencia competitiva, é dicir, con criterios obxectivos. "Tívose en conta o número de licencias, o ámbito de competición do equipo de referencia, o número de categorías, o número de licenzas femininas e os que teñan licenzas de deporte adaptado", sinalou a presidenta.

Esta é unha liña máis do conxunto de axudas que este ano puxo en marcha o ente provincial para apoiar o deporte da provincia. Estas subvencións, sumadas ás Actividades Depo presentadas a semana pasada, ó programa DepoPromo, ás subvencións ó deporte náutico, o deporte de ámbito nacional, dos convenios cos clubs de alto nivel, a organización de actividades deportivas e a concesión das bolsas ás e aos deportistas coa marca DepoDAN e DepoPromesa, supoñen máis de 3,6 millóns de euros en investimentos para o deporte da provincia.