Lydia Pérez triunfa nos Xogos do Mediterráneo de loita praia

Pontevedra
14 de setembro 2023

A loitadora pontevedresa, cuxo próximo gran obxectivo será buscar a clasificación olímpica no Mundial de Loita, colgouse a medalla de ouro na competición de praia celebrada na localidade grega de Heraklion

Lydia Pérez, coa medalla de ouro conseguida na loita praia dos Xogos do Mediterráneo Federación Galega de Loita

Triunfo de relumbrón para Lydia Pérez Touriño nos Xogos do Mediterráneo que se están disputado na localidade grega de Heraklion (Grecia).

A deportista pontevedresa conseguiu facerse coa medalla de ouro na modalidade de loita praia, en categoría de -70 quilos.

No seu primeiro combate Lydia estreouse con vitoria fronte á que posteriormente sería tamén o seu rival na gran final, a francesa Manon Kury, liquidando sen erros a fase de grupos con outros dous resultados positivos contra a local Agoro Papavasileou (1-0) e a italiana Bianca Contrafatto (3-0).

Xa en semifinais, a representante do Club Loita Pontevedra superou á grega Lygeri-Athanasia Voulgary por un axustado 1-0, chegando á pelexa polo título que se saldou cun contundente 5-0 ante Manon Kury.

Tras este gran resuñtado Lydia Pérez Touriño énchese de moral para o seu gran reto da tempada, o Mundial de Loita de Belgrado, clasificatorio para os Xogos Olímpicos, e que aparece xa no horizonte este mesmo mes de setembro.