Lydia Pérez revalida o seu título de campioa de España de loita

Pontevedra
15 de maio 2023

A deportista pontevedresa sumou ademais un segundo ouro na modalidade de loita praia, na que tamén triunfou o seu compañeiro do Club Loita Pontevedra Pablo García

Lydia Pérez, no podio do Campionato de España Sénior de Loitas Olímpicas Federación Galega de Loita

O Club de Loita Pontevedra regresa con gran sabor de boca dos Campionatos de España de Loitas Olímpicas, Loita Praia e Sambo Praia celebrado durante a fin de semana na localidade murciana de San Javier.

O nome propio nos pontevedreses foi unha vez máis Lydia Pérez Touriño, que colgou a medalla de ouro na categoría de -62 quilos de loita feminina, revalidando o seu título e demostrando que segue sendo a referencia nacional no seu peso. Non en balde é a loitadora española cunha maior presenza internacional.

"Fixo un moi bo papel", explica o seu adestrador, Marcos Miragaya, recoñecendo que actualmente "está por riba do nivel do resto".

Lydia ademais fixo dobrete ao proclamarse campioa de España de loita praia en -70 quilos, esta vez en dura pugna con outra das deportistas bolseiras no CGTD de Pontevedra, Nerea Pampín (Keltoi Vila de Cruces), á que venceu na final.

Pola súa banda Pablo García "demostrou que é un referente nacional en praia", afirma Miragaya, e é que se proclamou campión desta modalidade (-80 quilos) cedendo un único punto nos seus combates. O deportista do Loita Pontevedra foi ademais quinto en loita grecorromana (82 quilos) cedendo só "#nte o campión do ano pasado".

A representación do Loita Pontevedra completouna Iago Fernández "na súa primeira participación nun campionato de España sénior". Competiu "nunha categoría supeior, de -92 quilos" cun papale máis que notable, finalizando en quinta posición.

Ademais a Selección Galega levou a medalla de prata por equipos en loita libre olímpica e o bronce en loita feminina.