A medalla de bronce nos Xogos Europeos que se están a celebrar na localidade bielorrusa de Minsk estivo ao alcance de Lydia Pérez na competición de loita.
A representante pontevedresa cedeu o xoves na rolda dos 1/8 de final da categoría de -62 quilos, o que a deixaba a expensas de poder entrar na repesca se a súa rival, a ucraína Yulii Tkach, progresaba no cadro como así foi.
Desta forma abríase unha nova posibilidade a Lydia de pelexar pola medalla de bronce continental enfrontándose á rusa Mariia Kuznetsova, que caera en 1/4 de final ante a mesma contrincante.
Este combate celebrouse á primeira hora deste venres, pero a xove deportista do Club Loita Pontevedra non conseguiu vencer finalizando cun marcador de 3-10 a favor da rusa, nun combate que se decantou cara á metade do tempo.
A cita serviu para sumar unha importante experiencia internacional pensando en próximas citas, como o Mundial que aparece no horizonte como primeira cita clasificatoria para Tokyo 2020.