Lydia Pérez cárgase de moral para o Europeo cunha prata no Flatz Open de Austria

Pontevedra
07 de febreiro 2024

A deportista pontevedresa vén de participar nun test internacional en Austria, con grandes resultados, antes de afrontar o seu gran reto da tempada, buscar a clasificación para os Xogos Olímpicos de París

Pablo García e Lydia Pérez, no Flatz Open Federación Galega de Loita

O momento da verdade aproxímase para Lydia Pérez, que conta os días para afrontar os grandes retos da súa tempada, centrada especialmente nos clasificatorios para os Xogos Olímpicos nos que apurará as súas opcións de lograr un billete para París 2024.

Antes diso, a deportista do Club Loita Pontevedra tomou parte en Austria nun prestixioso test insternacional, o Flatz Open, no que participaron loitadores de ata nove países.

Lydia, acompañada de Pablo García como técnico, fíxoo ademais con grandes resultados, ao conseguir a medalla de prata na categoría de -62 quilos, despois de superar en primeira e segunda rolda a dúas representantes polacas e perder na final fronte a unha competidora norueguesa nun combate que dominaba pero que se decidiu por un erro da pontevedresa.

A pesar de todo a medalla reforza o traballo de Lydía Pérez a só uns días de participar no Campionato de Europa Absoluto que terá lugar a próxima semana en Bucarest, Romanía.