Lydia Pérez cae nos oitavos de final do Campionato de Europa en Bucarest

Pontevedra
15 de febreiro 2024

A deportista pontevedresa viuse apeada este xoves no Campionato de Europa Absoluto de Loitas Olímpicas que se celebra na capital romanesa, Bucarest, ao ser superada pola sueca Johanna Lindborg no combate de oitavos de final

Lydia Pérez Touriño, no I Memorial Alexander Kachelaev de Loitas Olímpicas Cristina Saiz

A primeira gran competición internacional da tempada non resultou do todo positiva para Lydia Pérez Touriño.

A deportista pontevedresa viaxou ata a capital romanesa, Bucarest, para tomar parte do Campionato de Europa Absoluto, cita marcada dentro do seu calendario antes de afrontar os preolímpicos de París 2024.

Con todo, a representante do Club Loita Pontevedra non logrou pasar dos oitavos de final na súa categoría (-62 quilos), ao verse superada no seu primeiro combate pola sueca Johanna Lindborg.

Lydia cedeu por un tenteo final de 11-2 fronte á súa rival, á que coñece ben tras compartir adestramentos e que tamén a eliminou no Mundial de 2022.

Tras a súa derrota á pontevedresa quedaba á espera de ver que facía á súa opoñente no cadro coa esperanza de entrar na repesca polo bronce prevista para este venres día 16.