Luz verde dos accionistas do Pontevedra á nova ampliación de capital por valor de 721.000 euros

Pontevedra
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os accionistas do Pontevedra Club de Fútbol aprobaron a proposta presentada este luns polo Consello de Administración da entidade nunha Xunta Xeral Extraordinaria, pola que se iniciará unha nova ampliación de capital por case o dobre de valor da paralizada recentemente polo xulgado 

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol no Pazo da Cultura Mónica Patxot

Os accionistas do Pontevedra Club de Fútbol aprobaron este luns a proposta presentada polo Consello de Administración da entidade nunha Xunta Xeral Extraordinaria para iniciar unha nova ampliación de capital, tras a paralización xudicial do proceso iniciado o pasado mes de setembro.

A diferenza daquela ampliación, a que agora conta con luz verde para ser iniciada terá un valor de case o dobre da frustrada polas denuncias do grupo opositor á dirección do club. En concreto o proceso que se propuxo é de 721.188,30 euros, mediante a emisión de 1.030.269 novas accións cun valor nominal de 0,70 euros.

A variación nas cifras (a anterior ampliación era de 373.599,10 euros) responde á eliminación da prima de emisión a cada nova acción, detalle do que, entre outros aspectos, queixouse o grupo opositor na súa demanda xudicial.

"Por un pequeno defecto formal volmemos á casilla de saída. Quen foi o prexudicado? O Pontevedra Club de Fútbol", afirmou na súa intervención o conselleiro responsable da área económica do club, Enrique Mariño, defendendo a necesidade de "recapitalizar o club" porque "a cifra de fondos propios está por baixo da metade do capital social". Mariño recoñeceu que "se a situación do Pontevedra en xuño do ano pasado era mala cun exercicio de perdas agora non pode ser mellor". De feito de non levar a cabo o proceso "estariamos en causa de disolusción, é unha obrigación deste Consello de Administración propoñer esta ampliación de capital", chegou a dicir o conselleiro.

O obxectivo, explicou, é recuperar as cifras do fondo de manobra da entidade que permitan afrontar sen problemas os pagos a curto prazo do club, xa que "consideramos que é a mellor forma de financiamento para a entidade".

En canto á ampliación anulada polo xulgado, informou, acudiron 60 accionistas e "recadamos 348.366,60 euros", pero segundo engadiu a presidenta, Lupe Murillo, "curiosamente o que non puxo un só céntimo foi o que impugnou".

Aprobada agora pola maioría de accionistas a nova ampliación, o acordo debe ser agora publicado no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), momento no que empezará a contar o mes de prazo que se dará aos interesados en facerse con novas accións.

Será en todo caso un proceso que "se efectuará nunha única fase e será exclusiva para os actuais accionistas na mesma proporción á súa porcentaxe de participación no capital social", explicaba xa o Pontevedra na convocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria.

O representante do grupo opositor á dirección do club anunciou a súa intención de volver impugnar a nova convocatoria.